O castro de San Vicente, á espera de escavacións durante unha década

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Este ano cumprirase o décimo aniversario do achado do xacemento, pero segue sen haber plans para estudalo

12 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Este ano cumprirase un notable aniversario relacionado co patrimonio histórico de Monforte. En novembro fará unha década que se descubriu o castro de San Vicente do Pino durante un control arqueolóxico das obras de acondicionamento do parque Zapardiel. Ese ano e o seguinte fixéronse varias catas que puxeron de manifesto o especial valor do asentamento, pero desde entón non se realizaron máis investigacións. Todo indica que cando se cumpra o aniversario todo seguirá igual, xa que para os próximos meses non está previsto ningún proxecto de escavación.

O arqueólogo Gonzalo Meijide, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, considera que sería «moi interesante» volver a escavar este xacemento. Ao seu parecer, o máis aconsellable sería intervir nunha zona limitada para poñer ao descuberto algunhas estruturas construtivas que poderían ser consolidadas para acoller visitas. «Os restos de construcións están concentrados nunha área moi concreta e os traballos non requerirían un investimento moi grande», apunta.

En opinión de Meijide, debería ser o Concello quen presentase un proxecto para pedir o apoio da Xunta, xa que o xacemento está en terreos municipais. «Para financiar á intervención pode ser posible recorrer a fondos europeos», engade. O arqueólogo puntualiza que el non ten capacidade para decidir sobre unha intervención deste tipo, pero pensa que que «sempre hai posibilidades» de conseguir axudas.