«A min sempre me gusta construír o fútbol a través do balón»

LEMOS

roi fernández

O técnico está contento co traballo que están facendo os seus futbolistas nesta primeira volta da liga

04 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O adestrador da SD Chantada, Pepe Martín, está facendo un gran traballo á fronte do clube do Sangoñedo. O técnico logrou ensamblar un conxunto que se presentou na competición con moitas novidades. Os chantadinos suman vinte puntos a falta dun partido para que remate a primeira volta.

-¿Que lectura lle fai á primeira entrega da competición?

-Moi positiva, porque fomos capaces de ensamblar un equipo no que houbo bastantes trocos no verán. Hai que darse conta de que con esta aposta, que é a axeitada, e así o amosan os resultados, é arriscada, porque podes quedar descolgado ao principio. As claves hai que buscalas na perfecta comunión entre todos os estamentos do clube, e así se demostrou co gol do triunfo de Manu ante o Arteixo no minuto 89, onde nos fundimos todos nunha aperta. O meu equipo goza traballando, e faino nas boas e nas malas.

-¿Merecería a SD Chantada estar máis arriba na táboa?

-O fútbol ponte onde mereces. Cando me fixen cargo do plantel sorprendeume a boa condución técnica dos meus xogadores. A min sempre me gusta construír o fútbol a través do balón. Nos primeiros encontros marcabamos goles, pero tamén encaixabamos moitos. No intre no que equilibramos os dous apartados fomos subindo postos. Cada día metemos un tema novo na avaliación continua, o que fai que nos superemos pouco a pouco.

-O obxectivo é claro

-O obxectivo é manter a categoría. Despois do Nadal veñen catro meses duros de competición. O mellor sería non ter que xogarnos o descenso no último partido no Sangoñedo ante o Escairón. Neste clube tratamos de formar futbolistas para ser un graneiro de xogadores que nos permita consolidarnos a medio prazo na Preferente. A clave do éxito está en que todos comungamos no mesmo.

-¿É vostede optimista?

-Son optimista, porque o meu equipo, e digo equipo con maiúsculas, está traballando con ilusión e con ganas. Queremos manternos, pero se non o logramos, non pasa nada. Saberemos descender e facelo ben. De todos os xeitos, loitaremos por quedar fóra dos trece últimos postos. Eu remítome á lección que nos deixa Cholo Simeone, que é pensar partido a partido. O fútbol é máis real do que din moitos, que miran a longo prazo. Non se pode falar de semanas ou de meses, hai que ir domingo a domingo. Esa é a nosa filosofía, e ata este intre foinos bastante ben, polo que continuaremos nesta liña nesta segunda volta.