Poetas novos de toda Galicia reúnense hoxe en Monforte

La Voz

LEMOS

O centro cívico do Malecón acolle a primeira edición dun recital a micrófono aberto

27 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A primeira edición da mostra artística «Efímera» -que se celebrará o venres na praza de abastos- non é a única iniciativa cultural novidosa que se dará a coñecer en Monforte nos últimos días do ano. Para hoxe -ás 20.30 horas- está convocado un encontro de poetas novos que se pretende que teña unha repercusión duradeira na vida cultural local. A actividade levarase a cabo na cafetería A Sesta, situada no centro cívico do paseo do Malecón, e consistirá nun recital de poesía e prosa poética aberto a todos os que queiran participar.

Os principais organizadores do recital son Eilún del Pazo, natural de Vigo pero con raíces familiares en Monforte, e o monfortino Gabriel Castro. Os dous están a cursar estudos universitarios e forman parte dunha corrente integrada por xente nova -de en torno a vinte anos- que reivindica a presenza da poesía nos espazos públicos e que está presente desde hai algúns anos en diferentes lugares de Galicia.

Poucos precedentes

Eilún del Pazo, que estuda veterinaria en Lugo, pertence desde o pasado setembro ao colectivo Fragmentos de Melpómene, que agrupa a novos poetas de toda Galicia e que ten un punto de encontro permanente nun perfil editado con ese mesmo nome en Facebook. «Creo que son a única integrante de Monforte», di. Escribe relatos e poemas e prepara o seu primeiro libro. En Monforte bota en falta recitais abertos de poesía como os que se organizan con frecuencia noutros lugares. «Excepto algunhas cousas que se fan o Día das Letras Galegas, aquí non hai nada diso, e por ese motivo tivemos a idea de organizar este encontro», explica.

No recital de Monforte participarán xoves autores procedentes de diversas localidades galegas, a maioría deles encadrados no mencionado grupo Fragmentos de Melpómene. Pero o micrófono tamén estará aberto para todas as persoas que queiran recitar os seus propios textos. «En principio é un encontro de poetas novos, pero non vai haber ningún límite de idade», sinala Eilún del Pazo. Os textos que presenten os participantes poden estar escritos en galego e en castelán. Unha parte do encontro, por outra parte, dedicarase ao poeta monfortino Lois Pereiro, de quen está previsto recitar unha selección de textos.

Próximas citas

Os organizadores esperan que despois deste primeiro encontro no centro cívico do Malecón veñan outros que poderían organizarse en diferentes momentos do ano. E incluso confían en que en Monforte chegue a formarse un colectivo de novos poetas. Eilún del Pozo pon como exemplo casos como o do grupo Alter Ego, cuxos membros participan habitualmente no festival internacional Kerouac, que se celebra en Vigo desde hai seis anos e que comprende recitais a micro aberto en rúas, bares e museos. «En Ourense, A Coruña e outros sitios hai hoxe moito movemento poético e quereríamos que Monforte se sume tamén a isto, porque sabemos que aquí hai moita xente nova que se dedica a escribir e que querería ter máis oportunidades para difundir as súas creacións», apunta.