«Todas as oficinas de turismo deberían traballar en rede»

Natural de Chantada, acaba de doutorarse cunha tese sobre os servizos de información para turistas


monforte / la voz

A chantadina Nuria Sánchez Vázquez traballa no Centro Superior de Hostelería de Galicia e acaba de doutorarse na especialidade de desenvolvemento rexional e integración económica. Fíxoo cunha tese sobre as oficinas de turismo galegas que foi presentada no Instituto Universitario de Estudo e Desenvolvemento de Galicia. Neste traballo ofrece un modelo para mellorar a xestión destes servizos de información.

-¿Que habería que facer para que as oficinas de turismo sexan máis eficientes?

-É moi importante que todas as oficinas de Galicia traballen en rede. Isto é algo que xa está moi desenvolvido noutras comunidades, pero que aquí aínda está por facer. A creación desta rede está contemplada na Lei de Turismo do 2011, pero aínda non se puxo en marcha.

-¿Que vantaxes pode ofrecer o traballo en rede?

-Por un lado, permite compartir as bases de datos. Tamén permite que unha oficina non ofreza unicamente información sobre a cidade ou a comarca en que se encontra, senón de toda Galicia. E tamén evita que haxa duplicidades inútiles. Nalgunhas cidades, como Santiago e Pontevedra, hai dúas ou tres oficinas a pouca distancia unhas das outras que ofrecen diferentes tipos de información. Algunhas dependen da Xunta e outras dos concellos ou da deputación provincial.

-¿Son suficientes as que hai hoxe na Ribeira Sacra?

-Actualmente hai oito, que están nos concellos de Monforte, Chantada, Quiroga, Sober, Pantón, Montederramo e Parada de Sil. Hai que sumar o centro de interpretación da Ribeira Sacra de San Pedro de Rocas, que non é propiamente unha oficina de turismo pero tamén ofrece información. Isto supón o 8% das que hai en toda Galicia, que son 117. Os datos que inclúo na tese son do 2014 e indican que ese ano atenderon entre todas a 59.533 visitantes. Pero o importante non é a cantidade de oficinas, senón que estean ben coordinadas e adaptadas ás necesidades do turista. Por exemplo, non debería suceder que unha destas oficinas peche os domingos, pero é algo que está pasando nalgúns casos.

-¿Que outros aspectos poden mellorarse?

-Ademais de ofrecer información aos turistas, as oficinas deben recabar máis datos acerca dos visitantes e non limitarse a rexistrar o número de consultas e o lugar de orixe. Poden facer preguntas sobre o rango de idade, o tempo medio de estancia, o tipo de aloxamento, o medio de transporte que usan, se veñen sós, en parella ou en familia... Con estes datos elabórase o perfil tipo do turista que visita a zona, algo moi valioso para mellorar a oferta e os servizos.

-¿A Ribeira Sacra é pioneira nalgún aspecto da información turística?

-Sí, a creación dos puntos electrónicos de información do consorcio turístico. É unha das innovacións que menciono na tese e é moi importante porque non todos os concellos pode ter oficina propia. A Ribeira Sacra foi o primeiro xeodestino de Galicia en contar con este servizo. No 2014, estes puntos foron utilizados por 152.283 viaxeiros.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

«Todas as oficinas de turismo deberían traballar en rede»