Vilachá, arquitectura vitícola con raíces nos séculos XII e XIII

Aos vinte anos do inicio da súa restauración, a orixe medieval do conxunto de adegas parece clara, pero non foi estudada a fondo


monforte / la voz

Hai vinte anos estaba a executarse a primeira fase da restauración das adegas históricas de Vilachá de Salvadur, un proxecto para o cal o Concello da Pobra do Brollón recibiu en 1996 unha subvención de quince millóns de pesetas procedente dos fondos do plan Leader. A actuación durou máis do que se esperaba nun principio e prolongouse durante varios anos, pero o obxectivo acabou por cumprirse e este singular conxunto de arquitectura vitícola é hoxe un dos principais atractivos da Ribeira Sacra. Porén, durante estes anos non se avanzou moito na investigación sobre as orixes históricas das adegas, aínda que todo indica que están relacionadas coas actividades vitícolas que desenvolveron na zona os mosteiros medievais.

Un panel informativo situado desde hai tempo no lugar cualifica as adegas de «milenarias», o que resulta excesivo tendo en conta a arquitectura das construcións. O arqueólogo Xurxo Ayán, natural do municipio, xa sinalou hai tempo que os edificios que se conservan actualmente non poden considerarse como medievais e que só algúns deles, cando moito, poderían remontarse aos séculos XVII ou XVI. O que si é posible -agrega- é que estas adegas fosen construídas sobre outras máis antigas que estarían situadas no mesmo lugar, pero disto non hai aínda ningunha proba arqueolóxica.

Polo contrario, si se coñecen referencias históricas sobre a existencia de viñedos e adegas nesta zona na época medieval. O arqueólogo Xabier Moure sinala a este respecto que os antigos documentos do mosteiro ourensán de Montederramo indican que en Vilachá houbo no século XIII unha granxa dependente desta fundación monástica. «Neses textos fálase claramente de viñas e da construción de adegas», explica.

Un convento desaparecido

Un documento máis antigo, datado en 1153 e recollido no século XVII na obra Annales Cistercienses polo bispo e cronista Ángel Manrique, menciona outro mosteiro que existiu nesa época en Vilachá, denominado San Martiño de Piñeira e actualmente desaparecido. O texto consiste na doazón deste mosteiro a un presbítero chamado Pelagio Bermúdez por parte do rei Afonso VII.

As propiedades deste convento, segundo o mencionado documento, estendíanse desde Vilachá ata Augas Mestas -hoxe en Quiroga-, topónimos que en latín medieval eran denominados respectivamente Villa Plana e Ambas Mestas. Moure opina que o máis probable é que os dominios deste convento comprendesen os viñedos que despois pasaron a pertencer a Montederramo. «As orixes das adegas de Vilachá datan seguramente desa época, entre os séculos XII e XIII, aínda que as construcións que se conservan hoxe en día son moi posteriores», engade. «O problema é que as informacións que temos sobre esa época son poucas e están moi dispersas», apunta o arqueólogo. Pero ao seu xuízo, se levase a cabo un proxecto exhaustivo de recopilación e ordenación de documentos, podería saberse moito máis.

Testemuños espalllados en diversos arquivos

Entre as referencias históricas que se coñecen sobre as comunidades monásticas e o cultivo das vides en Vilachá, segundo apunta Xabier Moure, están algúns documentos que se recolleron na obra España Sagrada -editada no século XVIII polo frade agostiño Enrique Flórez- e na revista Galicia Histórica, publicada a principios da pasada centuria polo sacerdote e historiador Antonio López Ferreiro. Estes documentos refírense aos mosteiros de Montederramo e San Martiño de Piñeira, pero tamén ao de Liñares, outra fundación monástica que existiu na Pobra do Brollón.

Non foron estes os únicos conventos que tiveron propiedades agrícolas na zona, porque ademais hai indicios de que o de San Vicente do Pino posuía unha adega en Vilachá no século XVIII. Este dato foi localizado por César Carnero, delegado de patrimonio histórico da diócese, nun documento conservado no Archivo Histórico Nacional de Madrid.

 

ruínas dun posible mosteiro

A uns tres quilómetros das adegas de Vilachá encóntranse os vestixios dunha construción (á dereita) que segundo a tradición oral foi un convento. As ruínas están xunto ao arroio do Pozo do Oso, que divide unha zona de ribeira coñecida como Val dos Frades e outra que se denomina Eibedo. É posible que estes sexan os restos do desaparecido mosteiro de San Martiño de Piñeira, pero no lugar nunca se fixo unha investigación arqueolóxica.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
12 votos
Comentarios

Vilachá, arquitectura vitícola con raíces nos séculos XII e XIII