Os mártires chantadinos do Caudillo

alfredo pardo CHANTADA

LEMOS

Quince dos 107 veciños mortos no bando franquista durante a guerra civil repousan no Valle de los Caídos

22 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunha pantagruélica comida de matanza ofrecida nos arredores de Chantada por un coñecido industrial en 1988, entre frebas, chourizos, amigos do anfitrión e algún que outro cura coñecín a un antigo xerarca do Movemento franquista. Quizais o xeneroso viño e o ambiente propiciou que a nostalxia se apoderase da súa lingua. Con discreción disertou sobre os camaradas mortos na fronte, o que para el foron «os mártires do Generalísimo». Este feito propiciou que un Vello Garda (xa falecido por un cancro de próstata) me facilitase un día de xaneiro de 1989 nunha cafetería lucense unha documentación mentres viraba inconscientemente o seu bastón con empuñadura de prata. Por algunha estrana razón sentínme como un personaxe dunha novela de Frederick Forsyth.

A súa tez era pálida e tras as súas escuras lentes de pasta rememoraba vellos tempos co seu camarada José Luis Taboada, delegado nacional de provincias en 1965 e destacada figura do Movemento, o seu paso polo Seced (Servizo Central de Documentación) entre 1973 e 1975 coincidindo coa Operación Lucero (relativa ao enterro de Franco) e de como o propio Taboada propoñía a Adolfo Suárez como presidente do Goberno. Acompañaba ao Vello Garda outra persoa que discretamente sentou na barra do bar e ao que el facía constante referencia como «o meu avogado». Do seu maletín de pel marrón sacou o primeiro expediente datado o 31 de marzo de 1951 onde José del Valle, gobernador civil e xefe provincial da FET y de las JONS, solicitaba ao alcalde de Chantada Joaquín Yebra Pimentel Vidal que corrixise os erros existentes, por non coincidir o número de vítimas remitida polo Concello (con 66 soldados falecidos) e o libro dos caídos.

O 1 de abril de 1959, concordando co XX Aniversario da Vitoria, Francisco Franco e a súa muller Carmen Polo inaugurarían a cripta de Santa María de la Cruz del Valle de los Caídos. O gobernador civil Enrique Otero Aenlle ordena o 15 de xaneiro de 1959 ao alcalde José Manuel Vázquez Yebra que para a «execución e efectividade do traslado de restos de Heroes e Mártires da Cruzada ao Val dos Caídos» elaborase un informe no que constase o «número de enterrados en cemiterios municipais, parroquiais, igrexas ou panteóns dese Concello», incluída a relación de «caídos» xa efectuada en 1954.

O Vello Garda entregoume aquela listaxe, que non era breve. Incluía os nomes de 107 personas nacidas en Chantada, enroladas no bando franquista e mortas durante a guerra civil. A eses 107 habíalle que sumar tamén os dos chantadinos mortos na División Azul cando combatían do lado nos alemáns contra o exército ruso na Segunda Guerra Mundial. As familias de quince deles quixeron que os seus restos fosen trasladados ao Valle de los Caídos.

Nomes que deixaron pegada nas rúas da vila

Uns poucos destes caídos tiveron o seu nome do rueiro chantadino. Carlos Taboada González e Dámaso Taboada González (Irmáns Taboada), Manuel Baanante Gíraz (Alférez Baanante) e Luis Soto Lemos foron nomes de rúas de Chantada durante decenios. O mestre Manuel Baanante foi alférez de complemento do Rexemento de Infantería de Zaragoza número 30 e morreu no Hospital de Salas (instalado nun convento de monxas) no asalto á Cabruñana (Asturias) o 15 de setembro de 1936. Luis Soto Lemos, xefe da 1ª Bandeira da Falanxe de Lugo foi «vilmente asasinado pola horda marxista o 3 de marzo de 1937 aos 29 anos de idade», segundo reza un anuncio de cabodano feito público o 1 de marzo de 1938.

Nos anos 50 increméntase a propaganda franquista. O 18 de abril de 1951 o xefe local do Movemento pide ao Concello que «ordene sexan postos colgaduras nos balcóns, xanelas e galerías das casas con motivo do Día da Unificación mañá día 19. Por Deus, España e a súa Revolución Nacional Sindicalista».

O 19 de xuño daquel ano, o gobernador civil, José del Valle solicita aos concellos da provincia que contribúan con non menos de 500 pesetas coa «fundación dunha Misa perpetua no Santuario da Gran Promesa de Valladolid, polos Caídos na Cruzada de Liberación». Tres anos despois, o 26 de outubro de 1954 inícianse en Chantada os preparativos para a «Homenaxe ao glorioso Protomártir do Movemento Nacional, D. José Calvo Sotelo», unha celebración ordenada por unha orde ministerial previa.