Sonia María García presentou onte en Parada de Moreda un libro que pretende ofrecer un amplo panorama do pasado e o presente deste territorio
03 nov 2016 . Actualizado a las 22:50 h.Licenciada en historia e xeografía e profesora de ensino medio, a coruñesa Sonia María García García presentou onte na sede da Fundación Uxío Novoneyra -na localidade de Parada de Moreda- O libro do Courel, que é a súa primera obra. A autora publicou anteriormente artigos sobre a súa especialidade profesional en revistas especializadas e edita os blogs Eira de pedra e Galicia milenaria.
-¿«O libro do Courel» é unha guía da serra?
-Non é unha guía ao uso que ofreza rutas, descricións de camiños ou coordenadas GPS. Para iso xa hai varias guías moi boas do Courel e eu quixen ir un pouco máis alá. Pretendín escribir un libro dirixido a todos os públicos que reflicta o carácter esencial do Courel. A miña especialidade é a xeografía e no libro falo do medio xeográfico, pero tamén de moitas outras cousas: a arquitectura popular, o patrimonio natural e histórico, a etnografía, a literatura que se escribiu sobre O Courel, as actividades económicas, a xente que vive hoxe na serra e os seus problemas...
-¿Que método de traballo seguiu para preparar a obra?
-Un parte básica do contido do libro procede das conversas que tiven cos veciños desde que comecei a frecuentar a serra desde hai uns quince anos. Tamén estudei a fondo todo o que se leva escrito e publicado sobre O Courel, pero falar cos veciños e escoitar as súas historias e as súas opinións foi fundamental para este traballo. Foi iso o que me serviu principalmente de guía para escribir o libro e quixen deixalo claramente explicado nunha nota que aparece ao principio da obra.
-¿Como chegou a coñecer estas terras?
-Foi grazas a unhas persoas oriundas da serra que teñen un mesón cerca da Coruña e que mantiñan contacto co meu pai. Desde o principio pareceume un lugar interesantísimo, moi bonito, cunha xente marabillosa. Primeiro comezamos facendo visitas en familia e despois seguimos vindo moitas máis veces meu home e máis eu. Fixen moitas amizades e aprendín moitísimo sobre esta terra. No Courel pódese aprender cada día un mundo de cousas. Hoxe en día sigo indo alí constantemente ao longo do ano. De feito, o groso do libro escribino estando na serra durante un verán enteiro
-¿Que supón un territorio como este para alguén que se criou na costa e nun medio urbano?
-Para min, coñecer a Serra do Courel foi como volver a ser pequena. No Courel consérvanse moitas cousas do mundo rural tradicional de Galicia que xa desapareceron en case todas partes e que eu lembraba ter visto na miña infancia. Descubrín tamén unha xente moi acolledora e un modo de vida moi diferente do que impera no mundo urbano. É un mundo sen presas, onde non se está todo o tempo a mirar o reloxio e onde aínda hai xente que guía os seus horarios polo sol. É un modo de vida que se está perdendo e que para a xente que se criou en lugares como A Coruña ou Vigo resulta sorprendente. Está claro que á xente que vive actualmente no Courel non se lle pode obrigar a seguir vivindo no pasado para que os demais poidamos disfrutar desa vida tradicional e tranquila, pero sería moi importante encontrar a maneira de que non se perdan esa esencia e eses valores que se conservaron nestas terras e que en moitos outros sitios de Galicia xa non existen.
-¿Ten pensado publicar máis obras sobre O Courel?
-Despois deste primeiro libro, agora estou preparando unha novela histórica relacionada co Courel que espero que poida publicarse para a próxima primavera. Desde hai pouco tempo estou escribindo tamén un novo blog, titulado Terras do Courel. Pero non penso determe nestas cousas. Quero seguir escribindo sobre O Courel en libros, en páxinas web ou onde sexa, para axudar a que se coñezan mellor os seus atractivos e os seus valores e tamén os seus problemas.
«Hai que facer algo para frear a despoboación, pero non se pode esperar máis»
No seu libro, Sonía María García alerta sobre a espectacular caída demográfica que padece a Serra do Courel e avoga por buscar alternativas sostibles para crear emprego e para potenciar o desenvolvemento económico e social da zona.
-¿Que futuro cre que pode ter este territorio nos próximos anos ou décadas?
-O futuro do Courel está hoxe moi complicado. A zona perde habitantes a toda velocidade e nos últimos anos esta situación non se corrixiu para nada. Ao contrario, non deixou de empeorar. É inevitable que as xeracións máis maiores vaian desaparecendo, pero o problema é que non hai que as substitúa porque xente nova segue marchando para buscar traballo noutros lugares. Marchan porque non lles queda outro remedio. Hai que facer algo para frear esta despoboación, pero non se pode esperar máis porque a situación demográfica xa está no límite. De facer algo, hai que facelo agora.
-¿E que cre que se podería facer a ese respecto?
-Hai xente que está facendo cousas nese sentido, pero esa loita titánica limítase a iniciativas individuais que non suficientes para mudar a situación. Ábrense algúns negocios, pero desgrazadamente son moi poucos. Quen tería que actuar canto antes son as administracións públicas, que contan cos medios para impulsar iniciativas importantes. Penso que fomentar un turismo de calidade pode ser unha saída interesante, pero por agora iso está moi difícil. Tamén podería haber outras iniciativas porque a zona ten moitos recursos, pero non se aproveitan porque os esforzos illados dunhas poucas persoas non poden facer moito máis do que xa fan.