A igrexa románica de Ribas de Miño precisa renovar o tellado

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

O bispado considera urxente frear as filtracións de auga que se rexistran no edificio monumental do Saviñao

25 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O bispado lucense pretende acometer unha obra de renovación na cuberta da igrexa románica de Santo Estevo de Ribas de Miño -no municipio do Saviñao-, que presenta un importante estado de deterioro e pode causar problemas na conservación do templo. O delegado de patrimonio histórico da diócese, César Carnero, si que xa hai tempo sinalou á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural a necesidade de realizar estas reparacións, pero por agora non se tomou ningunha iniciativa para solucionalo.

Segundo explica Carnero, a intervención más urxente que precisa agora o edificio consiste en repoñer totalmente as tellas para suprimir as goteiras que se rexistran en varios puntos do interior do templo. «As filtracións de auga prodúcense sobre todo na zona de unión entre a nave e a cabeceira da igrexa -sinala-, que é algo que sucede con frecuencia nas construcións deste tipo». A estrutura de madeira da cuberta, ao seu parecer, mantense en xeral en bon estado e non necesitará moitas reparacións. «A parte máis problemática nese aspecto está na sacristía, onde seguramente haberá que substituír algunha táboa que comeza a apodrecer», engade.

Carnero apunta por outro lado que se se deixa pasar moito tempo sen renovar o tellado, a armazón de madeira pode acabar sufrindo un grave deterioro, de maneira que nalgún momento necesitaría tamén ser renovada na súa totalidade. «Tal como está agora a igrexa, as obras non resultarían moi custosas, pero se agora non se fai nada e se permite que a situación empeore, despois fará falta un investimento moito máis importante para arranxar todo», advirte. O delegado do bispado indica que posiblemente tamén sexa necesario realizar unha pequena reparación para eliminar unha filtración de humidade que afecta ás pinturas murais dun muro lateral do templo.

Gretas nos muros

Por outro lado, nos pasados días, a Asociación Veciñal do Saviñao pediu por escrito á Consellería de Cultura que faga un seguimento de varias gretas existentes no exterior e no interior do edificio, por se poden chegar a ameazar a súa estabilidade. O colectivo precisa que estas fendas poden verse nas arquivoltas da entrada principal e nos muros da escaleira de caracol pola que se ascende ao rosetón da fachada. Porén, César Carnero considera que a estrutura do templo presenta un estado satisfactorio. «Esas fendas levan aí moito tempo e incluso é posible que se abrisen a causa do terremoto que houbo en Lisboa no século XVIII, que provocou danos en edificios doutras partes de Galicia e da península», apunta. «É probable que hoxe as gretas sexan máis visibles porque co paso do tempo se desprendeu pouco a pouco o morteiro co que as rechearon no seu día, pero iso non significa que os muros se estean deteriorando», indica. «A igrexa está estruturalmente estable e non me parece que necesite ningunha obra nese sentido», agrega. De momento, reitera Carnero, o máis necesario para garantir a conservación do edificio é cambiar todas as tellas por outras novas.

Unha importante herdanza da escola artística mateana

A igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño foi declarada monumento nacional nos anos trinta e como tal goza actualmente da categoría de ben de interese cultura. Polas súas dimensións e polo seu valor arquitectónico e artístico figura entre os elementos máis destacados do patrimonio románico da Ribeira Sacra.

O templo distínguese tamén por mostrar as pegadas estilísticas da escola da escola que se creou arredor do célebre maestro Mateo na catedral románica de Santiago. Un estudo da historiadora Sonia Fernández atribúe a sua construción a un obradoiro formado por discípulos desta escola compostelá que en torno ao ano 1210 iniciou en Portomarín a edificación da monumental igrexa de San Xoán. Segundo esta hipótese, o templo de Santo Estevo debeu de ser levantado despois de que terminase esa obra.

 

pegadas do terremoto de 1755

O terremoto de Lisboa produciuse o 1 de novembro de 1755 e tivo unha intensidade de entre 8,7 e 9 graos na escala de Richter. Ademais de provocar entre 60.000 e 100.000 vítimas mortais e de destruir en grande parte a capital portuguesa, causou moitos danos materiais en diversos puntos da península. No Colexio da Compañía de Monforte abriu unhas fendas que seguen sendo visibles. Á dereita, gretas nas arquivoltas da fachada de Santo Estevo