«O Courel foi o maior couto da Orde de Santiago»

f.A. QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

Jesús Río presentará en novembro un estudo sobre a historia local que abarca un período de oito séculos

19 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O sacerdote Jesús Río Ramilo, que se ocupa da parroquia quiroguesa do Courel, acaba de publicar o libro O Courel bajo la cruz de Santiago, que será presentado o 6 de novembro en Folgoso -ás 13 horas- durante a Festa da Castaña do Courel. A obra é a primeira que se dedica de forma exclusiva á presenza da orde monástico-militar de Santiago na zona.

-¿Que época histórica abranxe este estudo?

-Desde o século XII ata o XIX, que é o período no que existiu o couto da Orde de Santiago no Courel. Hai un documento que data a creación deste couto o 25 de marzo de 1181. Esas terras foron doadas á Orde de Santiago por un nobre chamado Nuno Peláez. O territorio do couto cubría todas as parroquias do actual municipio de Folgoso do Courel -excepto a de Vilamor, que dependía do bispado de Lugo- e tamén a de Pacios da Serra, que hoxe pertence a Quiroga. Foi a maior posesión desta orde en toda Galicia e non desapareceu ata a Desamortización de 1835.

-¿Como era gobernado ese territorio?

-A estrutura eclesiástica dependía ao principio do priorado de Vilar de Donas, en Palas de Rei, que rexía todas as posesións da orde no reino de Galicia. Despois creáronse outros priorados e o do couto do Courel estivo na igrexa de Meiraos. Durante todo ese tempo era a Orde de Santiago quen nomeaba aos párrocos nas súas posesións, e non os bispos.

A xurisdicción civil estaba en mans da Encomenda da Barra, que estaba a un par de quilómetros de Ourense. Pero desde o século XV os coutos galegos da orde pasaron a ser gobernados por administradores locais, mentres que os dirixentes das súas encomendas vivían normalmente en Castela.

-¿Quedan moitas pegadas materiais da Orde de Santiago no Courel?

-Son moi numerosas. Praticamete en todas as igrexas da zona hai cruces de Santiago esculpidas nos retablos e noutros lugares. Unha pegada moi importante é o castelo de Carbedo, na parroquia de Esperante, que era unha posesión da orde. E tamén están as ferrerías que funcionaron no Courel ata finais do século XIX. Non foron construídas pola Orde de Santiago, pero esta entidade arrendou terras para que outros as puidesen edificar.

-¿Que relación tiña esta zona cos camiños de Santiago?

-Pola serra pasaba unha ruta que subía polo Lor e ía por Seceda para unirse ao Camiño Francés en Sarria. Polo sur enlazaba co Camiño de Inverno en Quiroga. Había outra ruta que entraba desde o Bierzo por Ferramulín e ía cara a Samos polo Lóuzara. Por estes camiños tamén pasaron peregrinos, que nos tempos antigos non ían unicamente polas rutas que podemos chamar oficiais, como sucede agora.

A Festa da Castaña celebrarase entre o 5 e o 6 de novembro

Este é o programa da 29 edición da Festa da Castaña do Courel, que se celebrará este ano en Folgoso. A celebración terá lugar no Souto da Carroza, onde haberá postos de polbo e churrasco.

Día 5. Ás 21 horas haberá unha pancetada popular. Ás once da noite comezará unha verbena animada polo grupo Tribal.

Día 6. A xornada iniciarase ás doce do mediodía cunha actuación de gaiteiros e cantores. Ao mesmo tempo comezará unha degustación gratuíta de castañas asadas e viño. Ás 13.30, despois da presentación do libro de Jesús Río, o cantante Davide Salvado pronunciará o pregón da festa. O mesmo artista ofrecerá seguidamente unha actuación. Ao mediodía é pola tarde actuará tamén unha charanga.