O nome da Pedra das Mentiras, un misterio sen aclarar

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

Ninguén parece saber a que se debe a peculiar denominación do primeiro petróglifo catalogado na comarca de Chantada

07 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Na parroquia de Vilaúxe, en Chantada, áchase o primeiro petróglifo que foi catalogado no municipio e no resto da comarca. Consiste nun pequeno conxunto de gravados rupestres do tipo coñecido como coviña ou cazoleta que se encontra nunha rocha situada xunto a un camiño e á entrada dunha finca. A descoberta non é recente, porque o petróglifo foi localizado hai xa máis dunha década pola historiadora e arqueóloga chantadina Begoña González Aguiar. O que aínda non se conseguiu descubrir é unha explicación sobre a orixe da súa peculiar denominación.

A investigadora sinala que o máis o máis habitual é que os nomes tradicionais dos sitios onde hai petróglifos fagan referencia a seres míticos como os mouros e as mouras, ou ben aos propios gravados, como sucede no caso de moitos lugares de Galicia denominados Pena Escrita ou Pedra Escrita. «Pero o nome da Pedra das Mentiras é un caso moi diferente e non é fácil determinar a que se debe», agrega.

Cando descubriu o petróglifo, Begoña González preguntou a varios veciños da zona pero ningún lle soubo dicir por que a pedra recibe ese nome. «O máis probable é que teña algo que ver con algunha lenda ou tradición local, pero aínda non conseguín encontrar a ninguén que teña oído falar dela», apunta. A arqueóloga pretende facer agora unha nova tentativa para aclarar este misterio e con tal finalidade está localizando a outros veciños de idade avanzada da parroquia. A rocha onde se encontran os gravados, por outra parte, non forma parte dun afloramento natural e é posible que fose trasladada desde outro lugar.

Tese de doutoramento

A nova investigación de González sobre este petróglifo forma parte dos traballos que está levando a cabo para a súa tese de doutoramento, dedicado aos gravados rupestres do sur lucense e da comarca da Ulloa. Ao mesmo tempo que desenvolve este proxecto, a arqueóloga está axudando á Dirección Xeral de Patrimonio a catalogar na zona diversas mostras de arte rupestre prehistórica que non figuraban no inventario de bens culturais. Unha delas foi descuberta recentemente por ela mesma no parroquia de Siós, no municipio de Pantón, onde ata agora non se rexistrara a presenza de ningún petróglifo. Outros gravados foron localizados en tempos recentes no municipio de Sober por membros da asociación cultural O Colado do Vento. «Hai pouco tempo enviei a Patrimonio once fichas con datos sobre estes novos sitios arqueolóxicos para que queden catalogados oficialmente», sinala.

Na súa tese de doutoramento serán descritos cerca de 110 lugares con petróglifos. En torno a medio centenar deles encóntranse nas comarcas do sur da provincia e o resto corresponde á zona da Ulloa. Os gravados rexistrados ata agora nesta última comarca presentan unha maior complexidade no deseño, xa que con frecuencia consisten en círculos concéntricos e espirais, unhas formas moi semellantes ás dos grandes conxuntos de arte rupestre da provincia de Pontevedra. Con algunha excepción, a grande maioría dos que se coñecen actualmente nas comarcas de Lemos e Chantada consisten en sinxelos deseños circulares.

En busca de referentes nos estudos realizados en América Latina

En xaneiro, Begoña González desprazarase a Chile -onde permanecerá durante tres meses grazas a unha bolsa de investigación- para estudar os petróglifos do deserto de Atacama. Anteriormente xa estivo na Arxentina polo mesmo motivo. As investigacións sobre a arte rupestre realizadas polos arqueólogos latinoamericanos, segundo explica, serviranlle de axuda para a súa tese sobre os petróglifos lucenses. «Estes investigadores teñen unha visión algo diferente da nosa, prestan máis atención á dimensión antropolóxica da arte rupestre e non están tan condicionados como o estamos nós polos esquemas que asimilamos na universidade», comenta.

Ao seu xuízo, o contacto coas investigacións arqueolóxicas desenvolvidas na América Latina pode ser útil para analizar a arte prehistórica galega desde novos puntos de vista

 

Un conxunto aínda reducido

Os petróglifos rexistrados ata hoxe na comarca de Chantada son pouco numerosos e todos eles foron localizados en tempos recentes. Despois dos gravados da Pedra das Mentiras, Begoña González descubriu outro conxunto de gravados rupestres no lugar da Airoá, na parroquia de Pesqueiras. Posteriormente apareceron outros no montes do Fabeiro, en Carballedo, e da Serra, no límite entre este municipio e o de Chantada