A segunda gran homenaxe deste ano a Manuel María será en Monforte

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

A Academia Galega súmase a un acto organizado polo Concello que reunirá a escritores e amigos do poeta

25 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Monforte e a Real Academia Galega colaboran na organización da que será a segunda gran homenaxe a Manuel María no ano que este autor é o protagonista do Día das Letras. Se o primeiro se celebrou o 17 de maio na casa natal deste poeta en Outeiro de Rei o segundo será este sábado en Monforte, a cidade na que viviu durante os corenta anos da súa vida nos que se concentra a maior parte da súa creación literaria.

Cando no verán do 2015 se soubo que a academia decidira adicarlle o Día das Letras 2016 a Manuel María, o Concello de Monforte anunciou que pediría formalmente que, se non se podía celebrar aquí o acto central, que a academia participase polo menos noutro acto en Monforte. A academia adoita homenaxear ao protagonista de cada 17 de maio en primeiro lugar no seu lugar de nacemento, e esta vez non fixo unha excepción, pero aceptou a proposta do Concelllo de organizar unha segunda homenaxe.

O alcalde monfortino, José Tomé, e a concelleira de Cultura, Marina Doutón, confirmaron onte que esta homenaxe se celebrará o día 1 de outubro. Será na Casa da Cultura e nela intervirán escritores e amigos do autor de Muiñeiro de brétemas.

O acto empezará as doce do mediodía e rematará ao redor das dúas da tarde. Ademais do alcalde e do presidente da academia, Xesús Alonso Montero, está previsto que interveñan, os escritores Margarita Ledo, Antón Lopo, Fina Casalderrey, Lois Diéguez e Salvador García Bolaño, e o economista Manuel Rajo, amigo persoal de Manuel María. Estudantes dos tres institutos da cidade lerán poemas do homenaxeado e o grupo de corda do conservatorio Mestre Ibáñez interpretará varias pezas.

Según os datos difundidos onnte polo alcalde e mais a concelleira de Cultura, este será o acto número vintecinco que organice o Concello en recordo de Manuel María no que vai de ano. E están en preparación varias convocatorias máis.