Educación, tecnoloxía e ciencia a debate en Chantada e O Saviñao

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

roi fernández

Numerosos expertos participan entre hoxe e mañá nun encontro sobre renovación pedagóxica

23 sep 2016 . Actualizado a las 12:59 h.

Os municipios de Chantada e O Saviñao acollerán entre hoxe e mañá un encontro promovido por Nova Escola Galega e a empresa Airoa Comunicación -coa colaboración de diversas entidades- que ten por finalidade intercambiar experiencias sobre o papel da tecnoloxía e a ciencia na educación. O simposio foi precedido por unha conferencia sobre o uso das novas tecnoloxías na infancia e na adolescencia que foi ofrecida onte pola tarde no instituto Val do Asma por Francesc Josep Deó, presidente da asociación catalá Aula Mèdia, que participa nestas xornadas.

Os promotores do encontro, que se desenvolve baixo a denominación de Pingueira, sinalan que un dos seus principais obxectivos é reflectir sobre «as estratexias, recursos e metodoloxías que poden partillar docentes e investigadores en educación con profesionais doutros eidos á hora de crear liñas pedagóxicas que atendan ao mundo actual». Preténdse tamén analizar as achegas que poden facer á educación pública as persoas que traballan en comunicación, tecnoloxía, ciencia, investigación histórica e creación artística, así como os movementos sociais e as propias familias dos alumnos.

Actividades previstas

O simposio abrirase cun acto de presentación que se celebrará ás cinco da tarde de hoxe no instituto Val do Asma. As actividades previstas no programa desenvolveranse neste centro educativo, no auditorio municipal chantadino e no Ecomuseo de Arxeriz, no municipio do Saviñao. Nas conferencias e coloquios participarán diversos expertos en educación e renovación pedagóxica, novas tecnoloxías, divulgación científica e artística e medios audiovisuais. Entre os relatores figuran Javier Conde, enxeñeiro de telecomunicacións e director do instituto Val do Asma; José Antonio Quiroga, director do Ecomuseo de Arxeriz; Antía Vázquez e Carmen González, fundadoras do colectivo local Velaísca; o realizador audiovisual chantadino Gael Carballo e Xosé Manuel Rosales, coordinador do programa Proxectoterra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

O programa comprende tamén un obradoiro de remestura multimedia a tempo real dirixido a alumnos de ensino secundario e dúas sesións de presentacións de proxectos educativos relacionados coas cuestións que se abordarán no simposio. As actividades programadas para estas xornadas complementaranse cun concerto que se ofrecerá ás oito e media da tarde de hoxe no auditorio municipal e unha cea que congregará a todos os participantes ás dez da noite.