«Para fabricar o teu propio avión cómpren ganas e saber o que fas»

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CARLOS CORTÉS

Afeccionados á «aviación experimental» celebran unha reunión en Monforte

11 sep 2016 . Actualizado a las 13:21 h.

Unha ducia de avionetas e ultralixeiros sobrevoaron onte Monforte. Os seus pilotos participaban nunha reunión da sección galega da Asociación de Aviación Experimental, formada por afeccionados ao voo aos que ademais lles gusta fabricar eles mesmos os seus propios avións. Non se trata de simples maquetas, senón de aparellos tan capaces de despegar, voar e aterrar como os fabricados pola industria especializada. Os participantes neste encontro chegaron a Monforte desde diferentes puntos de Galicia. En avión, por suposto.

Foro aterrando pola mañá no campo de voo das Lamas e celebraron a súa reunión nas instalacións que ten nese lugar o club Aero Lemos, que exerceu de anfitrión. José Antonio Guitián é un dos representantes de Aero Lemos e forma parte tamén da Asociación de Aviación Experimental. De feito, a súa avioneta fíxoa el mesmo. Nin el nin a maioría dos seus compañeiros teñen formación específica en enxeñería aeronáutica nin en nada relacionado directamente con avións. «O único que cómpre para fabricar o teu propio avión é ter moitas ganas e saber o que estás facendo», asegura.

Porque todos os avións que onte pasaron por riba de Monforte teñen unha autorización específica para voar expedida pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea, un organismo dependente do Ministerio de Fomento que se encarga de facer cumprir as normas de aviación civil e tamén de que non voe nada que non reúna as condicións técnicas mínimas para facelo.

En realidade, á reunión de onte en Monforte acudiron pilotos con tres tipos de aparellos diferentes. Nas pista de voo das Lamas había avionetas, ultralixeiros e VLA (siglas en inglés de avións moi lixeiros), que se diferencian entre si polo peso, potencia e complexidade da instrumentación. Non todos eran fabricados polos seus donos, senón que tamén os había comprados enteiros, como o Land Africa Sport de 100 cabalos de Modesto Álvarez, natural de Sober pero residente en Vigo, que en pouco máis de vinte minutos sobrevoou onte pola tarde o casco urbano de Monforte, o seu municipio, o de Pantón e o canón do Sil antes de volver aterrar nas Lamas. O seu aparello é un ultralixeiro, aínda que ten o instrumental preciso para matriculalo como avioneta. Non o fai porque resulta máis complicado e máis caro.

Porque voar pode resultar unha afección cara, pero non ten por que selo. Na pista das Lamas convivían modelos adquiridos por 3.000 euros de segunda man con outros de 120.000 euros.

tres posibilidades

Reconstrucción

Moitos afeccionados optan por reconstruír avións antigos en mal estado

Deseño

Tamén é posible encargarse de todo o proceso, empezando polo propio deseño do aparello É a opción máis complicada e precisa unha formación técnica complexa

Con plano mercado

O fabricante paga polos planos co deseño do avión e mércalle a unha fábrica as pezas desmontadas. El ten que ensamblalas