Unha exposición recuperará a obra do artista chantadino Manuel Jorge

O pintor mostrou moi poucas veces en público os seus cadros e nunca quixo vender unha peza


chantada / la voz

Durante o mes pasado, unha exposición antolóxica recuperou en Chantada a figura do escultor Eduardo Rodríguez Osorio, unha figura de ampla reputación pero pouco coñecida na súa terra natal. O 3 de setembro -ás 19 horas- inaugurarase outra exposición dedicada a un artista chantadino que tampouco goza de moita celebridade na comarca. Trátase do arquitecto e pintor Manuel Jorge, quen reside desde principios dos anos sesenta na provincia de Alacante.

A obra pictórica de Manuel Jorge presenta un peculiar carácter «secreto», xa que a pesar de ser moi extensa -máis de 2.000 pezas- é coñecida por moi pouca xente. O artista deuse a coñecer en 1961 cunha exposición na prestixiosa galería madrileña Biosca, pero desde entón mostrou as súas obras en público en moi contadas ocasións. Desenvolveu un intenso labor como arquitecto ao mesmo tempo que seguía pintando, mais nunca quixo vender as súas obras debido ao seu profundo desacordo co mercado da arte.

A exposición de Chantada é a primeira retrospectiva da obra de Manuel Jorge que se organiza en Galicia. Estará aberta ao público durante dous meses e reunirá medio centenar de pezas representativas dos seus diferentes períodos e da evolución do seu estilo.

Influencia galega

A mostra presentarase baixo o título de Pinceladas galegas, trazos mediterráneos. As súas comisarias, Alba Sánchez e María Tomé -da empresa Airoa Comunicación- sinalan a este respecto que a obra artística de Manuel Jorge está moi relacionada «coa súa vivencia de Galicia desde a diáspora». Entre as súas pinturas -engaden- aparecen a miúdo temas galegos, como é o caso de varias escenas da vida cotiá chantadina realizadas coa técnica da acuarela en tinta chinesa.

Despois da apertura da exposición -ás 20 horas- ofrecerase no auditorio municipal un concerto dedicado a Manuel Jorge no que participarán o dúo Stellae e os músicos Manuel, Luis e Javier López Jorge, que son parentes directos do artista. Mentres a mostra permaneza aberta, haberá visitas guiadas e actividades educativas realizadas en colaboración con centros de ensino da zona. Na organización da exposición colaboran a Fundación Manuel Jorge e o Concello de Chantada.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Tags
Comentarios

Unha exposición recuperará a obra do artista chantadino Manuel Jorge