Pepe Carriola presentou os seus últimos vídeos documentais

La Voz MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

24 ago 2016 . Actualizado a las 18:14 h.

O pasado domingo foi presentado no Círculo Saviñao de Escairón o vídeo documental Embalses de Belesar e Peares. A súa incidencia no entorno, realizado por José Losada -máis coñecido como Pepe Carriola- coa colaboración de José Manuel López Poldo. Losada, de formación autodidacta no terreo audiovisual, ten editado en deuvedé numerosos traballos sobre o patrimonio histórico de Galicia e de Canarias, onde residiu durante moito tempo. Nos pasados días tamén presentou en Sober outro vídeo sobre o patrimonio románico deste municipio. No acto de Escairón, aproveitou a presenza de amigos e familiares para anunciar que estes son os últimos traballos que publicará, xa que se debe abandonar definitivamente estas actividades por motivos de saúde.

O seu vídeo sobre os encoros de Belesar e Os Peares recolle numerosas fotografías históricas que mostran as paisaxes e as localidades do entorno do Miño antes da construción destas infraestruturas e outras dos mesmos lugares tomadas nos tempos actuais. Desta maneira resalta os grandes cambios provocados polas presas hidroeléctricas.

José Losada tamén foi un dos artífices da localización e recuperación da pedra que supostamente serviu de cuberta ao dolme de Abuíme, situado no Saviñao. A pedra encontrábase nunha casa da localidade de Vilaquinte -abandonada hai moitos anos-, onde foi reaproveitada como abrevadoiro para o gando. Actualmente está gardada no auditorio municipal.