Unha experiencia de arqueoloxía social no castro de San Lourenzo

Os veciños da parroquia de Cereixa, na Pobra do Brollón, promoven a escavación dun asentamento mineiro da época romana


monforte / la voz

Durante os últimos días, persoal dunha empresa especializada -contratada polo Concello da Pobra do Brollón- limpou da maleza unha parte do castro de San Lourenzo ou de Alende, na parroquia de Cereixa, onde durante este verán vai levarse a cabo un singular proxecto arqueolóxico. Entre o 1 e 30 de agosto desenvolverase a primeira escavación que se realiza neste asentamento castrexo. O que ten de peculiar a iniciativa é que está promovida por un colectivo veciñal -a asociación María Castaña, da propia parroquia-, algo que non ten precedentes no sur lucense. Ademais, conta co mecenato dunha familia oriunda da localidade.

No proxecto colaboran tamén o Instituto de Ciencias do Patrimonio -radicado en Santiago e dependente do Consejo Superior de Investigaciones Científicas-, o grupo de investigación en patrimonio construído da Universidade do País Vasco e a cátedra Unesco de paisaxes culturais e patrimonio, asociada a esta última entidade. O obxectivo, segundo explican os promotores, é converter o xacemento castrexo nun recurso turístico sostible e incentivar «o empoderamento patrimonial da comunidade local de Cereixa». O feito que xunto ao castro discorre o Camiño de Inverno -agregan- proporciona un importante valor engadido a este lugar.

O arqueólogo Xurxo Ayán, que se ocupará da dirección técnica das escavacións, sinala que o asentamento castrexo ten unha superficie total de en torno a 8.000 metros cadrados. A zona que se despexou de maleza -onde comezarán as escavacións- corresponde ao recinto central e unha parte do recinto exterior.

«Era unha selva»

Desde hai moitos anos o castro estivo totalmente cuberto de vexetación e resultaba imposible percibir a súa forma. «Era unha selva», di Ayán. A intención dos promotores do proxecto é que as escavacións continúen durante uns cinco anos, para o que haberá que buscar novas formas de financiamento. Dentro de dous anos será posible abrir ás visitas turísticas as antigas estruturas construtivas que se vaian poñendo ao descuberto. Durante este tempo, o local da asociación veciñal albergará un laboratorio arqueolóxico onde se limparán e estudarán os materiais que se extraian nas escavacións.

Recuperación dunha romaría e xornada de reflexión sobre a guerrilla antifranquista

A vexetación que tapaba o castro ocultaba tamén as ruínas da vella capela de San Lourenzo, onde os veciños de Cereixa celebraban en tempos unha romaría que se perdeu a principios do século pasado, aínda que se conservaba na memoria popular. Os restos desta vella construción serán consolidados e o próximo 6 de agosto recuperarase este antigo festexo. Na zona está previsto realizar ademais diversas actividades, como unha observación de estrelas fugaces -as coñecidas bágoas de san Lourenzo- durante a primeira quincena de agosto.

Por outro lado, o proxecto arqueolóxico comprende unha prospección nas ruínas da casa onde se librou en 1949 a chamada batalla de Repil, un sangrento enfrontamento entre guerrilleiros antifranquistas e axentes da Garda Civil. O lugar encóntrase na parroquia monfortina de Chavaga, xustamente no seu límite coa de Cereixa. Estes traballos levaranse a cabo ao longo da semana próxima. Depois de que se dean por terminados, o día 25, celebrarase unha xornada de «reflexión arqueolóxica sobre a guerrilla» que comprenderá un percorrido guiado polo lugar e unha camiñada seguindo o pasos dun dos guerrilleiros que tomaron parte na escaramuza, que fuxiu con graves feridas e foi refuxiarse na casa do párroco de Cereixa. O relixioso foi represaliado por este feito e acabou indo a residir ao Brasil, onde ocupou importantes cargos eclesiásticos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Unha experiencia de arqueoloxía social no castro de San Lourenzo