«É falso que o túnel de Montefurado fose feito por escravos»

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

CELIA PARRA

Celia Díaz presentará mañá en Lugo «A boca do monte», unha novela ambientada nas minas de ouro do Sil da época romana

15 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Natural do municipio do Páramo, pero trasladada a Quiroga na súa infancia, Celia Díaz Núñez conta cunha ampla traxectoria como escritora. Mañá presentará na librería Biblos de Lugo -ás 20 horas- a súa novela A boca do monte, ambientada na Galicia romana do século II. A historia que narra xira en torno á construción do célebre túnel mineiro de Montefurado. A novela acaba de ser publicada pola editorial Galaxia nunha colección de literatura xuvenil, pero a autora precisa que tamén se dirixe a un público adulto. «De feito, a maioría a dos que a leron ata agora son adultos», explica.

-¿En que medida se basea a súa obra nos feitos históricos?

-Para escribir esta novela fixen un traballo de documentación moi extenso. Recollín moita información sobre a época romana, o mundo castrexo, a minería da antigüidade... Pero despois intentei esquecerme dela para escribir unha obra de ficción. Creo que para escribir unha novela deste tipo hai que basearse en datos históricos rigorosos, pero tamén hai que crear uns personaxes que teñan vida propia e por transmitir as emocións que non se reflicten nos estudos eruditos.

-¿Como era a sociedade que se creou en torno ás minas romanas?

-Sempre oín dicir que obras como o túnel de Montefurado foron feitas por escravos, pero todos os especialistas que consultei están de acordo en que non era así. Nas minas romanas de Galicia e do Bierzo talvez puido haber un número moi pequeno de escravos, pero a maioría dos traballadores non o eran. Na súa maior parte foron os habitantes dos castros próximos, que eran forzados a facer esas obras polas autoridades imperiais romanas, pero traballando como asalariados. Tamén habería outras persoas chegadas de máis lonxe, atraídas polos salarios das minas.

-¿Son eses traballadores nativos os protagonistas da súa novela?

-Os personaxes pertencen a esa sociedade castrexa vinculada ás minas de ouro e tamén ao mundo romano. Os nativos son habitantes dun castro que existe realmente, o castro de Ares, que está varios quilómetros río abaixo de Montefurado. Na novela conto como esa xente foi forzada a deixar os seus antigos poboados para ir establecerse nos novos castros mineiros que se construíron cerca dos xacementos de ouro para albergar aos traballadores. As minas supuxeron unha transformación moi fonda nos seus hábitos de vida. Un aspecto importante da novela é a actitude de rebeldía que mostran os nativos cando se decatan que todo o ouro que encerra a terra que herdaron dos seus antepasados vai parar ás mans dos romanos.

-¿Na obra hai personaxes con existencia histórica real?

-Aparte do emperador Traxano, que aparece nunha parte da obra, tamén está un lexionario de orixe galaica cuxa existencia está documentada. Chamábase Lucio Pompeio Reburro e sábese del por unha lápida achada na ponte da Cigarrosa, en Petín, e que hoxe está gardada na Rúa. Viviu en Roma e ocupou postos relevantes na lexión. Na novela mostro a este home nunha época anterior da súa vida, na súa mocidade. Con este personaxe quero mostrar que houbo moita xente nativa que se romanizou voluntariamente en busca de novas oportunidades e de mellores condicións sociais e económicas.

-¿O escenario de A boca do monte redúcese á zona de Montefurado ou comprende tamén outros lugares?

-A historia transcorre na zona situada entre Montefurado e Augas Mestas, onde o río Lor desemboca no Sil. Pero menciónanse tamén outros lugares da comarca onde houbo minas. Neste territorio existiu un conxunto de explotacións moi grande. En Quiroga están localizadas cerca de sesenta minas, en Ribas de Sil hai cerca de trinta e no Courel, outra trintena. Na miña páxina web e nun perfil de Facebook que está dedicado á novela hai mapas onde están localizados todos os escenarios da obra. Agora tamén estou falando co Concello de Quiroga coa idea de organizar roteiros guiados polos escenarios reais da novela.

«A minería

supuxo unha fonda transformación nos hábitos de vida dos nativos castrexos»

«O panorama actual da literatura infantil e xuvenil galega é moi amplo e moi rico»

Celia Díaz, que traballa como profesora de ensino medio e universitario en Ourense -onde reside na actualidade- publicou anteriormente a novela histórica Rugando, ambientada na antiga ferrería quiroguesa do mesmo nome. É tamén autora doutros obras de literatura infantil e xuvenil -nos xéneros narrtivo e teatral- e de obras ensaísticas como As voces da terra, un libro que estuda a presenza de Quiroga na literatura galega. Como docente, a escritora traballa no ámbito da lingua e literatura galegas e na didáctica do ensino neste idioma.

-¿Hai algunha relación entre Rugando e esta nova novela?

-Nas dúas fixen algo parecido, que foi crear unha historia de ficción partindo de feitos históricos reais. O territorio é o mesmo, pero son épocas moi diferentes, porque Rugando sucede no século XIX.

-¿Como ve o panorama actual da literatura infantil e xuvenil en galego? ¿É tan puxante como o era hai algúns anos?

-Creo que é moi bo, como xa o vén sendo desde moito tempo. Segue habendo moitos autores de grande calidade publicando novas obras unha variedade inmensa de xéneros e de temas. Os autores galegos levan todos os premios especializados neste tipo de literatura que hai a nivel estatal. É un panorama moi amplo e moi rico.

-¿Ten previsto publicar máis ensaios e estudos sobre a literatura como As voces da terra ou agora está ocupada só coas obras de ficción?

-Agora mesmo estou moi metida no terreo da ficción. Teño un libro de relatos a medio escribir e e tamén estou ocupada con proxectos de novas obras de teatro para nenos. Neste momento non me atrae o ensaio.