Monforte recupera a figura do dirixente galeguista histórico Manuel Banet

Hai cen anos fundou na cidade a terceira agrupación local das Irmandades da Fala aparecida en toda Galicia


monforte / la voz

Entre o venres e o sábado celebrarase en Monforte a primeira homenaxe pública organizada na cidade en memoria do avogado e notario coruñés Manuel Banet Fontenla, unha das personalidades máis destacadas do galeguismo histórico, que foi veciño da cidade durante tres décadas. A iniciativa está impulsada pola Irmandade Xurídica Galega, en colaboración co concello monfortino, e coincide co centenario da fundación da agrupación local das Irmandades da Fala, que foi a terceira de Galicia despois das da Coruña e Santiago. Banet, que entón xa levaba anos residindo en Monforte, foi un dos seus principais impulsores.

Xosé González, secretario da mencionada entidade, sinala que esta homenaxe -ademais de recoñecer o valor histórico da figura de Banet- ten por obxectivo resaltar o importante peso que tiveron os notarios e xuristas no surximento do galeguismo e na dignificación social da lingua galega. «Hai que lembrar que varios fundadores das Irmandades da Fala, como Banet e Antón Villar Ponte, eran notarios de profesión -explica- e o feito de que nesa época houbese notarios que apostasen polo uso do galego era toda unha excepción e tamén algo moi significativo, xa que historicamente foron os notarios os que proscribiron o uso do galego para redactar documentos». O ideario das Irmandades da Fala, agrega González, só chegaría cumprirse na década de 1980 coa aprobación do estatuto de autonomía e das leis que obrigan a publicar en galego documentos como o Diario Oficial de Galicia.

 

Presentación dun libro

Á importancia destes precedentes históricos esté dedicado o libro Os xuristas das Irmandades da Fala, unha obra colectiva que será presentada o sábado na Casa de Cultura durante a asemblea anual da Irmandade Xurídica Galega, que comezará ás doce do mediodía. Previamente, ás 19 horas do vernres, descubrirase na praza Luis de Góngora -fronte ao edificio do antigo palacio condal- un monolito cunha placa en memoria de Manuel Banet Fontenla. Os responsables municipais sinalaron que o lugar foi elixido para instalar o monumento porque hai constancia de que foi visitado polos participantes la cuarta Asemblea Nacionalista que as Irmandades da Fala organizaron en Monforte en febreiro de 1922. Banet foi un dos principais promotores daquela reunión, que tivo unha grande importancia histórica na evolución do movemento galeguista nos anos vinte e trinta do século pasado.

Ás oito da tarde do venres, por outro lado, haberá na Casa de Cultura unha conferencia sobre as Irmandades da Fala a cargo de Xosé Antón Gómez Segade, catedrático da Universidade de Santiago. O acto completarase con actuacións musicais do zanfonista Francisco Almuíña e da coral polifónica do Concello de Monforte. Nos actos participarán ademais o presidente da Irmandade Xurídica Galega, Xaquín Monteagudo, e o escritor Luis García Mañá.

«Consideramos este recoñecemento como algo colectivo e non persoal»

Oprofesor, escritor e tradutor Henrique Harguindey Banet, neto de Manuel Banet Fontenla, participará na homenaxe que se renderá en Monforte ao seu avó.

-¿Manuel Banet tiña algún vínculo familiar coa comarca de Lemos?

-A súa dona, Carmen Díaz-Varela Otero, naceu en Quiroga, pero pasou toda a súa infancia en Rosende, no municipio de Sober. En Monforte naceron a maioría dos once fillos que tivo o matrimonio. O que non sei con certeza é onde estaban domiciliados nesa época. Cando tratei ao meu avó, oínlle falar a miúdo da rúa do Cardeal, pero non sei se tiñan a casa familiar nesa zona ou noutro lugar. El coñeceu moi a fondo toda a comarca de Lemos e as terras veciñas, en grande parte debido ao seu labor profesional como notario. Dicía que tiña percorrido a cabalo toda esa zona para redactar testamentos e outros traballos propios da profesión.

-Ademais da fundación das Irmandades da Fala, ¿desenvolvou outras actividades políticas ou sociais en Monforte?

-Nesa época da súa vida ten unha actividade grande. Estivo moi ligado ao antigo agrarismo e en 1907 axudou a fundar en Monforte unha sección local da organización Solidaridad Gallega, que aglutinaba a ese movemento. Como tal, participou nas tres asembleas agraristas que se celebraron na cidade en 1908, 1910 e 1911. Algúns anos máis tarde, en 1917, acolleu en Monforte a unha delegación da Lliga Regionalista de Cataluña formada por varios dirixentes históricos dese partido, como Francesc Cambó, Josep Puig i Cadafalch, Pere Rahola e Magí Morera. Viñan realizar unha visita para establecer contactos co movemento galeguista e fixeron unha parada en Monforte, onde se celebrou un mitin importante. Despois seguiron ata Santiago e outros lugares e meu avó acompañounos durante todo o percorrido.

-¿Que opinión lle merece á familia esta homenaxe pública en Monforte?

-Estamos moi contentos, pero non o queremos considerar como un recoñecemento exclusivo á persoa de Manuel Banet, senón como unha homenaxe colectiva a todos os homes e mulleres que formaron parte do galeguismo histórico. Para nós trátase dun recoñecemento a moitas outras persoas que loitaron por Galicia e que en certos casos ata pagaron esa dedicación coa súa propia vida. A este respecto, queremos estar acordes coa mentalidade do meu avó, unha persoa moi modesta que sempre fuxiu do protagonismo. Participou en moitas iniciativas, pero el dicía que en realidade non fixera nada por si só, que el só fora un máis entre moitos outros.

Un dos promotores da creación da Real Academia Galega

Manuel Banet Fontenla naceu na Coruña en 1871 e faleceu na mesma cidade en 1962. Estudou dereito en Santiago e traballou seguidamente como avogado criminalista. En 1899 gañou o primeiro posto nas oposicións a notarías e trasladouse a Monforte, onde permanecería ata 1930, para trasladarse despois a Santiago e finalmente á Coruña, onde en 1946 abriu un despacho de avogado.

Na súa mocidade, Banet relacionouse co grupo de intelectuais galeguistas da chamada Cova Céltica, entre os que estaban Manuel Murguía, Uxío Carré Aldao e Eduardo Pondal. Formou parte da organización rexionalista liberal Liga Gallega, que estivo activa entre 1897 e 1907. Foi tamén un dos fundadores da Real Academia Galega e encargouse de ler o discurso inaugural do seu primeiro presidente, Manuel Murguía, que entón xa estaba incapacitado para falar en público.

Máis tarde Banet sería tamén un dos impulsores das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista, así como de diversas publicacións relacionadas con este movemento, como a Revista Gallega e A Nosa Terra.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

Monforte recupera a figura do dirixente galeguista histórico Manuel Banet