Dúas décadas de filmografía crecente sobre O Courel

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

A serra está presente de diversas formas nunha decena de filmes de ficción e documentais realizados desde 1997

02 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O próximo día 24 está previsto proxectar na Seara a longametraxe documental que o cineasta lucense Pepe Coira realizou recentemente sobre o proceso de rehabilitación urbanística desta localidade quiroguesa. A obra, titulada A Seara, vén incrementar a filmografía relacionada coa Serra do Courel, que ata agora conta apenas cunha decena de títulos. A cifra pode parecer importante en relación con outras zonas do sur lucense e do resto da provincia, pero tamén podería ser considerada como escasa tendo en conta as amplas posibilidades deste territorio no que respecta ás paisaxes e aos seus valores naturais e culturais.

Por agora non se filmou na serra ningunha longametraxe de ficción, pero si algunhas obras breves de carácter artístico. Unha iniciativa pioneira neste terreo é a curtametraxe Isolina do Courel, realizada por Chema Gagino e estreada en 1997. O filme recibiu ese ano os galardóns á mellor curta e á mellor dirección de produción nos premios da Asociación Galega de Produtoras Independentes e obtivo tamén unha mención especial do xurado no Festival Internacional de Cine de Bilbao. Conta a historia dun home que chega a unha aldea do Courel para cumprir un desexo que lle pediu o seu avó antes de morrer: pedir perdón a Isolina, unha muller que o avó prometera desposar e que despois abandonou.

Poucos anos despois, no 2000, o realizador monfortino Manuel Valcárcel filmou na localidade de Froxán a curtametraxe O aquelarre, sobre un guion de Paula Celtia baseado nunha lenda popular. Seis anos máis tarde, Xosé Vilaboy realizou Danza na terra, un peculiar espectáculo de videodanza que ten por escenario unha aldea case despoboada da serra.