Unha decena de monumentos megalíticos da zona serán sinalizados en breve prazo con códigos QR
04 jun 2016 . Actualizado a las 17:39 h.Durante o ano pasado, un grupo de alumnos da Escola Superior de Restauración e Conservación de Bens Culturais de Galicia limpou de maleza e sinalizou un pouco coñecido conxunto de túmulos megalíticos situado no municipio do Saviñao, entre as parroquias de Abuíme e Piñeiró. Dentro do mesmo proxecto -denominado Á Luz das Mámoas- vaise dar agora un novo paso para fomentar a popularización destes xacementos arqueolóxicos e o seu aproveitamento como recurso turístico e educativo, utilizando as novas tecnoloxías
Por unha parte, os participantes no proxecto elaboraron unha serie de fichas descritivas dunha decena de mámoas situadas na referida zona e editáronas no catálogo dixital Patrimonio Galego. A publicación neste inventario -que é realizado por voluntarios de forma colectiva- permite xerar códigos QR que dan acceso directo ás fichas, nas que se ofrece información sobre as características destes monumentos. Nos letreiros cos que foron sinalizadas as mámoas serán colocados en breves uns adhesivos cos códigos QR, de maneira que os visitantes que se acheguen a estes lugares poderán obter unha serie de datos sobre cada un destes xacementos a través dos seus teléfonos móbiles. É a primeira vez que se recorre a esta tecnoloxía para divulgar sobre o terreo os coñecementos acerca dos túmulos megalíticos do sur da provincia.
Actividades divulgativas
Por outro lado, os responsables do proxecto -que ten o apoio do programa Iniciativa Xove, dependente da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado- están difundindo por diversas localidades de Galicia as actuacións que realizaron no Saviñao. O pasado día 6 deron unha conferencia acerca desta iniciativa en Ortigueira, a petición da concellería de Patrimonio e Paisaxe deste municipio coruñés. Pouco despois, o día 11, impartiron un obradoiro educativo sobre arte megalítica aos alumnos de primeiro curso de ESO do instituto Francisco Aguiar de Betanzos.
Crece o catálogo dixital dos xacementos do sur lucense
A inclusión das mámoas de Piñeiró e Abuíme no catálogo de Patrimonio Galego aumenta considerablemente o número de monumentos megalíticos do sur lucense censados neste inventario. Ata agora, o catálogo non contiña máis que cinco fichas de xacementos deste tipo situados nos municipios da zona. Dous deles están tamén no Saviñao e son o conxunto de mámoas da Cruz de Forcados -na parroquia de San Xulián de Vilacaíz- e o dolmen de Abuíme, na parroquia homónima.
O catálogo recolle por outro lado dous xacementos megalíticos ubicados no municipio do Incio. Un deles é a necrópole do monte de Santa Mariña -que hai dez anos foi declarada ben de interese cultural-, no límite da parroquia do Viso co territorio de Samos. O outro, moito menos coñecido que o anterior, é o conxunto de mámoas do Campo de Valentín, na parroquia de Santa María do Mao. Outros dous xacementos descritos no catálogo están no municipio de Monforte: a mámoa de Fiolleda -na parroquia do mesmo nome- e a do Escouredo, na parroquia de San Pedro de Valverde. A lista complétase coas mámoas do Monte da Morá, na parroquia de San Xulián de Eiré, en Pantón.
Ademais dos quince lugares descritos ata agora no catálogo de Patrimonio Galego, no sur da provincia hai moitos máis monumentos megalíticos que son menos coñecidos. O blog O Noso Patrimonio, do arqueólogo Xabier Moure, sinala a existencia de xacementos desta clase na totalidade dos municipios da zona.
Tres conxuntos repartidos nas parroquias de Piñeiró e Abuíme
Estes son os túmulos megalíticos acondicionados o ano pasado polo colectivo Á Luz das Mámoas, que poderán visitarse coa axuda dos códigos QR. Están repartidos en tres zonas.
Penas de Sanguñedo. É un conxunto de cinco mámoas, situadas todas elas no lugar do mesmo nome. Tres destes túmulos encóntranse no territorio da parroquia de San Sadurniño de Piñeiró. As outras dúas pertencen á parroquia veciña de San Xoán de Abuíme.
Costa de San Antonio. Este grupo está formado por catro túmulos localizados na parroquia de Piñeiró. Dous deles áchanse no lugar coñecido por As Encrucilladas. O terceiro está no lugar da Costa e o cuarto, nos Toxás.
Medorra de Beirán. Trátase dun único túmulo, que se encontra no lugar de Rega do Beirán, pertencente á parroquia de Piñeiró.