Os de Tuiriz non queren ser de Toiriz

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNANDEZ

O Concello de Pantón pedirá á Xunta o cambio oficial do nome de dúas parroquias do municipio

12 may 2016 . Actualizado a las 07:40 h.

O Concello de Pantón solicitará á Xunta que se reformen os nomes da parroquia oficialmente chamadas Santa María e Santalla de Toiriz para devolverlles a forma tradicional de Tuiriz, conservada na fala viva dos veciños da zona. Así foi acordado no último pleno da corporación, en resposta a unha moción presentada polo BNG. Agora é a Comisión de Toponimia do Goberno galego quen debe decidir se esta petición é pertinente e se se admite o cambio das denominacións oficiais destas localidades.

O alcalde, José Luis Álvarez, puntualiza que a el non lle preocupa especialmente se o nome das referidas parroquias é Toiriz ou Tuiriz. «A min iso dáme igual, pero se o parecer das autoridades responsables da toponimia coincide cos argumentos que se presentan na petición, non hai ningún problema en cambiar o nome», explica. «Se se aproba, o único que haberá que facer é cambiar algúns letreiros, pero iso non é moi complicado», engade.

Segundo a moción presentada polo BNG, a forma Tuiriz -ademais de ser a única que se rexistra na fala viva- coincide coa tendencia á alternancia vocálica propia desta área dialectal. De acordo coa súa argumentación, nesta zona, encadrada no grupo de falas coñecido como Bloque Central -e dentro del, na área denominada «lucu-auriense»- a tendencia máis común é pechar un grao as vogais, o que levar a cambiar na pronuncia o «o» polo «u».

Respectar a fala viva

Os nacionalistas sinalan o que o actual nome oficial de Toiriz foi establecido de acordo coa Lei de Normalización Lingüística de 1983. Pero a mesma lexislación -agregan- indica que hai que favorecer os nomes de lugar que se conservaron na fala popular. No caso destas localidades, apuntan así mesmo desde o BNG, non se tivo en conta este criterio e utilizouse unha lista que contiña unha forma que non concorda coa pronuncia tradicional. De non corrixirse esta deficiencia -din por outro lado- «han pasar á historia como nomes oficiais aqueles que non identificaron as xentes que poboaron eses lugares». Devolver a estas parroquias a denominación oficial de Tuiriz, consideran os responsables da moción, «suporía unha reparación lingüística con enorme valor afectivo para as poboacións implicadas e unha reparación histórico-cultural para legar ás xeracións futuras». A toponimia, din así mesmo os nacionalistas «forma parte dos elementos naturais que a Unesco considera como o patrimonio inmaterial dos pobos». Ademais das mencionadas razóns históricas e filolóxicas que acompañaron a súa proposta, o Bloque sinala que numerosos veciños destas parroquias teñen manifestado a través das redes sociais a súa preferencia pola forma Tuiriz.

Un grupo de Facebook creado para defender a denominación popular

A restitución dos nomes tradicionais das dúas parroquias de Pantón é a reivindicación principal dun grupo de Facebook creado hai tempo por vecinos da zona, que actualmente ten 437 membros. O colectivo, denominado «Tuiriz con U!!!» foi promovido pola arqueóloga Tania Arias Cancelinha, que reuniu documentación histórica sobre o topónimo.

Nos antigos documentos que se coñecen de diversas épocas -explica Arias- pode verse que en tempos pasados tamén houbo confusión en canto ao nome destas localidades. En moitos papeis poden verse tanto a forma Tuiriz como a de Toiriz e no célebre catastro do marqués de Ensenada, realizado no século XVIII, aparecen ao mesmo tempo as dúas «En certa parte do manuscrito orixinal vese incluso que o escribán que redactou o texto escribiu primeiro Tuiriz e despois de dubidar cambiou o u por un o», engade a arqueóloga.

Criterio fonético

Non obstante, os representantes do BNG apuntan que aínda que o nome de Toiriz tamén está rexistrado na documentación histórica, na pronuncia popular non se produce esa dualidade e a forma utilizada de forma exclusiva e invariable polos veciños é a de Tuiriz. De acordo con este criterio, a forma con u ten que ser considerada como a máis lexítima e por tanto debe ser recoñecida como tal no nomenclátor da Xunta e en toda a documentación oficial.

«A forma con ?o? non se corresponde coa fonética tradicional da zona»

Rosa Ana Prieto Florines, voceira municipal do BNG e licenciada en filoloxía galega, ten realizado estudos sobre a microtoponimia de Pantón. Foi ela quen documentou con argumentos filolóxicos a moción presentada pola formación nacionalista.

-¿A que se debe que un lugar que os veciños chaman dunha maneira tome outro nome na nomenclatura oficial?

-Moitos casos como este débense a que os escribáns e funcionarios alteraban a miúdo os topónimos tradicionais porque eles mesmos os pronunciaban erradamente, de acordo coas tendencias fonéticas dominantes das súas zonas de orixe, non das propias zonas onde se conservan eses nomes. No caso de Tuiriz está claro que a forma correcta ten ser con u, porque nesta comarca existe a tendencia a pechar sempre as vogais. Por iso dicimos cousas como ise en vez de ese ou cume en vez de come. A forma Toiriz non se corresponde coa fonética tradicional da zona, que debe ser respectada na toponimia oficial porque forma parte do patrimonio cultural local e porque así o establece a lexislación.

-¿Hai máis localidades no municipio co nome deturpado?

-Está tamén o caso de Furriol, un topónimo da parroquia de Santiago de Castillón. Na fala viva sempre se lle chamou Furriol, pero no catastro e nos datos do Instituto Nacional de Estadística aparece como Forriol. É o mesmo caso de Tuiriz, a tendencia a pechar un grao as vogais. Pero neste caso non sucedeu como en Tuiriz e non hai unha revindicación social para recuperar o topónimo tradicional.

-¿Recuperar o nome tradicional ten algunha vantaxe, aparte de conservar o patrimonio local?

-Hai un aspecto prático que cómpre tamén ter en conta, e é que usar os topónimos tradicionais conservados na fala viva axuda a determinar mellor quen son os propietarios das fincas antigas. Hai moita xente que foi vivir na emigración e que legaron aos fillos e netos unhas terras que eles só coñecían polo nome popular de toda a vida e non polo nome que se utiliza hoxe no nomenclátor oficial. É importante saber con certeza se un lugar se chama Tuiriz ou Toiriz, Furriol ou Forriol, por exemplo, cando alguén vén de Vigo, de Barcelona ou da Arxentina reclamando unha propiedade que herdou dos seus maiores. Nestes casos, os descendentes dos propietarios que se criaron na emigración sempre conservan a forma correcta que herdaron dos seus familiares, porque non houbo un contaxio lingüístico co nome oficial deturpado. Se os nomes que aparecen no catastro non coinciden exctamente cos nomes tradicionais que eles recordan, pode ser moito más complicado identificar os eidos e conseguir que se recoñeza legalmente a súa propiedade.

-¿Hai outros lugares en Galicia que se chamen tamén Tuiriz?

-Hai un lugar no municipio de Taboada, pero nese caso o nome oficial escríbese con u, tal como o pronuncian os veciños. Aí non se cometeu o mesmo erro que en Pantón. E hai tamén algún outro en Lalín e en máis lugares de Galicia.