Guerra aérea polo tellado dos Escolapios

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Acoso entre aves. As fotos recollen diferentes momentos do acoso dun dos corvos que aniñan na Compañía á cegoña que a súa vez trata de construír o seu niño no pináculo da igrexa dos Escolapios, a aproximadamente vinte metros de altura.
Acoso entre aves. As fotos recollen diferentes momentos do acoso dun dos corvos que aniñan na Compañía á cegoña que a súa vez trata de construír o seu niño no pináculo da igrexa dos Escolapios, a aproximadamente vinte metros de altura. roi fernández

Os corvos acosan á cegoña que estes días trata de reconstruír un niño no Campo da Compañía

12 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días líbrase unha guerra nos ceos da Compañía, xusto por riba da igrexa dos Escolapios. Nin hai sangue, nin ten por que habela, pero para os contendentes trátase dunha cuestión de supervivencia. Líbrana uns corvos contra una cegoña, á vista de calquera que pase pola explanada, levante un pouco a cabeza e se fixe na parte central da cuberta do colexio.

Alí, a vinte metros de altura, unha cegoña está tratando de construír un niño exactamente no mesmo lugar que ocupaba outro que foi medrando durante anos ata este inverno. Os responsables do colexio decidiron pedir permiso para desfacelo porque adquirira tal tamaño que xa empezara a caer pouco a pouco, co risco que iso suporía para e os escolares e os transeúntes en xeral que cada día pasan xunto a este monumento.

Ninguén sabe se a cegoña acabará por criar nese lugar, pero hoxe teno máis difícil que cando empezou porque hai unha bandada de corvos que parecen empeñados en facela desistir. Voan ao redor dela de xeito agresivo e ameazan con atacala.

«Os corvos son animais moi oportunistas», explica Francisco Rosende, do grupo de anelamento de aves Hércules, da Coruña. Igual que as pegas e outras especies de córvidos, en canto os corvos ven unha zona de cría buscan se hai polos ou ovos para depredalos. Pero Rosende cre que neste caso probablemente non se trate diso. Porque aínda é pronto para que haxa cría e porque os ovos das cegoñas son probablemente grandes de máis para que o poida roubar un corvo, que son aves robustas e con bicos fortes, pero non tanto.

Xabier Varela tamén é ornitólogo e, igual que o seu colega Francisco Rosende, tamén pensa que probablemente a razón da agresividade dos corvos con esta cegoña sexa outra. «Eu penso -apunta- que máis ben se debe tratar das interaccións que se producen cando algunhas especies coinciden criando nun mesmo sitio, que son moi típicos en cantís ou canteiras onde se xuntan corvos e algunha especie de rapaz como lagarteiros ou falcóns peregrinos». Ademais, nesta época do ano os corvos están no momento central da súa reprodución.

O que resulta mais difícil de aventurar é como acabará esta guerra aérea polo tellado da igrexa dos Escolapios. As cegoñas son aves de moita máis envergadura que os corvos, pero a cambio teñen un carácter completamente pacífico, pouco dado ás reaccións agresivas. Sábeo ben Francisco Rosende, que ten subido a niños de cegoñas durante comprobacións de campo. «Praticamente a súa única reacción é facer ruídos moi fortes, batendo as súas mandíbulas superior e inferior», explica. .