Alvarizas abandonadas e queimadas, pero aínda recuperables

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

Apicultores do Courel sinalan que para reutilizar os colmeares tradicionais sería preciso acondicionar novos accesos

05 may 2016 . Actualizado a las 22:12 h.

O deterioro ambiental causado polo incendio que se rexistrou en agosto do ano pasado na marxe dereita do río Lóuzara -dentro da Serra do Courel-, denunciado a pasada semana polo biólogo Javier Guitián, afectou directamenta a unha zona caracterizada por unha longa tradición apícola. Dentro da área arrasada polo lume había varias alvarizas ou colmeares tradicionais, unha das cales estaba aínda en uso, se ben contiña un número reducido de colmeas. As chuvias dos últimos meses, segundo indicou Guitián, causaron nesta zona unha forte arrastres de terras e cinzas. É moi probable que os solos xa non poidan rexenerarse nunha grande parte da área queimada -de cerca de 195 hectáreas de extensión-, onde só quedrían masas de rocha estéril ao descuberto.

A pesar da previsible perda definitiva da cobertura vexetal, é posible que a zona queimada poida reaproveitarse para criar abellas. Ese é o parecer de José Ibáñez, un dos apicultores que residen actualmente na aldea de Seceda, a pouca distancia da área queimada. As colmeas dos veciños desta localidade non se viron afectadas polo incendio. A alvariza queimada pertence a un veciño da aldea de Cortes. «A plantas non volveron medrar nos terreos queimados, pero aínda así non sería difícil volver manter colmeas nesa zona, porque as ladeiras da outra beira do río non arderon e seguen tendo moita vexetación», explica.

 

Fontes de alimentación

Na opinión de Ibáñez, se se instalasen novas colmeas nas ladeiras incendiadas e erosionadas, as abellas poderían obter alimento con facilidade nas zonas intactas do val, só con desprazarse algúns centenares de metros. «As abellas poden moverse habitualmente para buscar comida a unha distancia de cerca de tres quilómetros, así que o problema non é moi grave a ese respecto», engade o apicultor. Deste xeito, mesmo sería posible reutilizar as alvarizas -denominadas alvares na zona- que se conservan na área queimada e que levan moitos anos en desuso.