A Mostra dos Viños chega por adiantado, con empanadas e rock

Francisco Albo
fRancisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Álvarez, López e Eireos deron a coñecer o programa na antiga adega Casa Moreiras.
Álvarez, López e Eireos deron a coñecer o programa na antiga adega Casa Moreiras. roi fernández

O festexo non se celebrará este ano en xuño, senón o 14 e o 15 de maio

04 may 2016 . Actualizado a las 14:21 h.

A adega Casa Moreiras -fundada en 1691-, na localidade de Siós, foi o escenario da presentación da edición número 23 da Mostra dos Viños da Ribeira Sacra de Pantón, que se celebrará entre o 14 e o 15 de maio. O alcalde José Luis Álvarez, que presentou o programa xunto coa tenente de alcalde Tamara López e o concelleiro Roberto Eireos, sinalou que o festexo se celebrará este ano nunhas datas máis madrugadoras -ata agora era a principios de xuño- a petición dos adegueiros participantes, que volven ser unha decena, como o ano pasado. «Nesa época do ano as condicións para o viño non son as mellores e a xente nova está con exames», explicou.

A Mostra dos Viños presenta este ano outras dúas novidades. Coincidirá coa primeira edición dunha Festa da Empanada que celebrará no mesmo espazo, no recinto do castro de Ferreira. E tamén co primeiro festival Pantón Rock, organizado en colaboración coa asociación Esperelo, no que actuarán o célebre grupo ourensán Los Suaves, os Gin Toni?s e as bandas cántabras La Fuga e ADN. Ao contrario que outras veces, o festexo non coincidirá coas Xornadas da Rota do Románico de Pantón, que comezarán a finais de maio.

Na presentación anunciouse tamén que o pregón da mostra vinícola será pronunciado pola atleta monfortina Saleta Fernández, cuxo pai é natural de Pantón.

Un programa que trae varias novidades

Estes son os principais actos da mostra, que será animada polas charangas Madialeva e Mekanika.

 

sábado 14 de maio

13 horas. A feira será inaugurada por Francisco Conde, conselleiro de Economía e Industria.

 

14 horas. Inicio da primeira Festa da Empanada.

 

18 horas. Cata dos viños das adegas por un grupo de enólogos.

 

20.30 horas. Baile animado pola orquestra Gran Casino.

 

21 horas. Comeza a primeira edición do festival Pantón Rock.

 

domingo 15 de maio

12 horas. Recepción de autoridades na Casa do Concello.

 

13 horas. Pregón a cargo de Saleta Fernández.

 

18 horas. Concerto da banda de gaitas O Castro.

 

20 horas. Baile popular coa orquestra Los Player?s.