Reibarba, a cova na que o díficil é entrar

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

Un grupo de espeleólogos visitou a fin de semana unha gruta pouco coñecida da zona de Visuña

26 abr 2016 . Actualizado a las 07:48 h.

A cova de Reibarba, situada nas cercanías do barrio do mesmo nome -na localidade de Visuña- é menos coñecida que outras cavidades naturais da Serra do Courel, como as de Ceza, Arcoia, Tralacosta ou a Buraca das Choias. Foi catalogada por primeira vez no 2009 por membros do club espeleolóxico vigués Maúxo e non parece atraer tantos visitantes como outras grutas da zona a pesar de ofrecer un notable interese. Isto débese talvez a que súa entrada é particularmente difícil de localizar, como puido comprobar un grupo de afeccionados á espeleoloxía que a pasada fin de semana levou a cabo un percorrido polo seu interior.

Na visita participaron once persoas residentes no Courel, Monforte e A Coruña. A parte máis ardua -segundo explica o monfortino Guillermo Díaz Aira, un dos visitantes- consistiu en encontrar a boca da cavidade, unha abertura de pouco máis dun metro de diámetro que está oculta nunha ladeira cuberta de toxos e xestas. As referencias que seguiron para localizar o lugar fóronlles proporcionadas por outro espeleólogo que visitou a gruta hai seis anos -a última entrada da que tiñan noticia-, pero que non tomou parte nesta expedición.

Entrada vertical

Unha vez descuberta a boca da caverna -agrega Díaz-, o percorrido polo interior non resulta moi problemático para as persoas habituadas ás práticas espeleolóxicas. Un dos treitos máis complicados é precisamente o da entrada, de tipo vertical, que obriga a facer un descenso coa técnica do rápel. Desta maneira accédese a unha galería principal con moitos pasos estreitos, subidas e baixadas. Desde esta sección é posible pasar a outras partes da gruta realizando ascensos con cordas, pero os participantes no percorrido optaron por non facelo para evitar a posibilidade de causar danos no entorno. O nivel de humidade da gruta non é moi elevado -especialmente para esta época do ano-, o que facilita o desprazamento dos espeleólogos. A visita tivo unha duración aproximada de catro horas. Na paisaxe interior da cova destaca a presenza de formacións calcáreas do tipo coñecido por coadas, cunha vistosa coloración na que predominan os ocres.

Os organizadores da expedición proxectan realizar a finais de maio outra visita a unha cova do Courel. Neste caso trátarase de localizar unha cavidade aínda menos coñecida que de Reibarba que se encontra nos arredores da localidade de Moreda.