Historia en ruínas no Camiño de Inverno

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

O terreo situado xunto ao templo foi aplanado cunha pa escavadora
O terreo situado xunto ao templo foi aplanado cunha pa escavadora

Os restos do antigo templo de Santa María de Montecelo, no Saviñao, están cada vez máis deteriorados

30 mar 2016 . Actualizado a las 10:57 h.

A Asociación Veciñal do Saviñao publicou recentemente un inventario do patrimonio relixioso do municipio no que figuran numerosas construcións históricas das que só quedan algunhas ruínas ou que desapareceron por completo. A lista foi elaborada segundo os datos reunidos por Enrique Pérez Losada, antigo alcalde e investigador do patrimonio local. Neste catálogo aparece a antiga igrexa de Santa María do Camiño, situada no lugar de Montecelo, na parroquia de Diomondi. Deste templo só permanecen en pé os arcos da nave e unha parte dos muros. O seu estado de abandono e ruína acentuouse cunha pequena obra realizada recentemente xunto aos seus restos, onde o terreo foi aplanado de forma sumaria cunha pa escavadora a fin de abrir un pouco de espazo para estacionar vehículos.

Unha parroquia desaparecida

A igrexa pertenceu con anterioridade á desaparecida parroquia de San Pedro de Besteiros, que en 1890 foi anexionada totalmente á de San Paio de Diomondi. Segundo a documentación histórica, foi construída entre 1720 e 1750. O terreo onde se levantou estivera ocupado antes por unha capela tamén chamada Santa María do Camiño, cuxas orixes poden remontarse talvez á Idade Media. A mención histórica máis antiga que se coñece deste edificio primitivo data de 1625. A igrexa que se edificou no seu lugar, cuxos restos perduraron ata hoxe, era de cruz latina cunha soa nave e dúas capelas laterais. A súa advocación á Virxe do Camiño débese sen dúbida ao feito de estar situada xusto á beira do vello camiño real de Monforte a Chantada, cuxo trazado coincide co do Camiño de Inverno. Nas inmediacións consérvase un cruceiro con peto de ánimas onde os camiñantes deixaban as esmolas.

A igrexa deixou de ser frecuentada a principios do século pasado e o seu abandono debeu verse incrementado coa construción da estrada de Monforte a Chantada na década de 1920. A partir desa época deixouse de utilizar o antigo camiño real. A pesar do seu estado ruinoso, o edificio constitúe un notable elemento do patrimonio histórico local asociado ao Camiño de Inverno.

Outros casos semellantes

Non é este o único templo arruinado que se coñece na actual parroquia de Diomondi. O inventario da Asociación Veciñal do Saviñao menciona tamén a igrexa de San Pedro de Besteiros, que foi a cabeceira da desaparecida parroquia do mesmo nome. Caeu na ruína xa no século XVIII e hoxe só quedan ao descuberto a súa planta e algunhas sepulturas. Tamén desapareceu a igrexa de San Mamede de Buxán, vinculada desde hai séculos á de Diomondi. Un escrito de doazón asinado polo bispo Hermenexildo no ano 950 parece mencionar ambos templos. Os seus restos encóntranse á beira do Miño, por debaixo da aldea de Galegos. A finais da Idade Media esta igrexa foi a matriz do denominado Couto de Buxán, pertencente ao convento cisterciense de Castro de Rei de Lemos -no actual municipio de Paradela-, que á súa vez dependía do mosteiro ourensán de Oseira. En 1764, o bispo lucense Juan Sáenz de Buruaga ordenou a súa demolición.

Na parroquia de Diomondi coñécese ademais a existencia de catro antigas capelas que tamén desapareceron. Unha delas é a de Santa Catarina, situada nas cercanías do lugar de Ver e mencionada nun documento de 1543. Hai moitos anos que os seus restos foron aproveitados polos veciños para levantar un alpendre. Por outro lado, no lugar de Piñeiro encontrábase a capela de San Cosmede, que figura en documentos dos séculos XV e XVI e da que só se conservaron unha pía de pedra e un fragmento de sartego. Menos rastros aínda deixou a capela de Santa Lucía -mencionada nun documento de 1696-, da que tan só perdurou o topónimo nunha zona de viñedos próxima á nacente do arroio de Belesar. Correu unha sorte parecida a capela de San Antón de Bexán -no lugar do mesmo nome-, construída no XVII sobre restos máis antigos. Tampouco quedan rastros materiais do mosteiro e hospital de San Pedro, que se encontraba xunto á antiga ponte de Belesar.