O «Quixote», nunha lectura heterodoxa

xosé estévez DOUTOR EN HISTORIA E ESCRITOR

LEMOS

Sátira, nostalxia e retrato social e político dunha época na principal obra de Cervantes

23 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Neste 2016 cúmprense catrocentos anos da morte de Miguel de Cervantes. É unha boa ocasión para tentar unha reflexión politicamente incorrecta sobre o Quixote, tamén ao fío da recente conmemoración en Monforte do cuarto centenario da segunda parte deste libro e a súa adicatoria ao sétimo conde de Lemos.

Un amplo retrato social. Cervantes, fondamente satírico e doridamente nostálxico, que sufriu nas súas carnes moitas estreiteces, pasou revista no Quixote aos múltiples problemas que magoaban o variado mosaico da sociedade española do Século de Ouro: crise económica, presión fiscal, corrupción, desgoberno dos validos, xustiza, burocracia, procura da mantenza, a guerra, concepto do honor, situación do campesiñado, bandoleirismo, pobreza, picaresca e marxinación. Polo Quixote desfilan máis de 300 personaxes, que ofrendan a máis diversa, rica e enfesta paisaxe social da época, metáfora e metonimia dunha España imperial onde non se coñecía o solpor.

Espello e retablo da crise. Cervantes desembarcou na aventura literaria dende a súa desventura vital após de catar o fel dun tempo de transición, mudanza e crise nas súas propias carnes. As críticas nas súas Novelas Ejemplares, nalgunhas das súas comedias, en varios dos seus entremeses maniféstano de xeito nidio. Todo o recolle e sistematiza no Quixote, pero poñendo un remate en cada episodio que faga comprender o fracaso a que se dirixían os utopistas que no século XVI formigaban no mundo español, e que na península ou nas Indias soñaran co mito da primitiva Idade Dourada. Trataríase, máis ben, dunha solución de acomodo para seguir carreiros de reforma, chamando a atención ao mesmo tempo sobre as dolorosas resultas dos degoiros utópicos, cinguíndose, en troques, ás pretensións dos seus amigos «reformadores razoables». Cervantes amosa unha mentalidade erasmista e non era un iconoclasta radical, xa que endexamais avogou polo derrubamento dos tres piares do sistema: relixión, rei e sociedade estamental.

Nova economía. No Quixote reflíctese a denuncia dunha nova concepción da economía. Instaurárase o trunfo do diñeiro, pois como dicía Sancho: «Dos linajes hay en el mundo, que son el tener y el no tener». O pago en diñeiro substituíra ao tradicional troco. A presión dunha conxuntura hostil favoreceu a aprendizaxe da corrupción, denunciada sen disimulo polo Quixote. Os políticos impúñanse aos xuristas e o mecenado político ao dereito. Era a época da elevación social do achegadizo ou estraño, beneficiado pola axiotaxe e contrabando de gran, revendedor de cargos e traficante de títulos e señoríos. O poder transfigúrase, porque o que non xira arredor del, é marxinación. Inclusive a liñaxe familiar falsifícase para obter cargos e prebendas. A ética da necesidade e da conveniencia trunfa sobre a ética dos principios. ¿Non nos lembra isto dabondo ao que acontece na actualidade?

A prol da utopía. Aínda que Cervantes non era un ferreño seareiro dunha ruptura utópica, fai, porén, moitos acenos suxestivos a prol da utopía. Quizais matinaba que había que loitar polo imposible para acadar o posible e devecía pola utopía societaria da Idade Dourada, que pon na boca de Don Quixote en varias ocasións.(I parte, capítulos XI e XX).

Sensibilidade polos marxinados. Cervantes amosa unha particular sensibilidade cara a marxinación, pois el mesmo foi un marxinado. Era de orixe probablemente conversa, con devanceiros nas bretemosas montañas entre León e Galiza e de prosapia galaica como denuncian os seus apelidos, Cervantes e Saavedra. Sufriu cadea en tres ocasións, permaneceu cativo en Alxer, pasou apuros económicos, foi acusado de malversación de tributos, formou unha familia de dubidosa reputación, quedou mutilado de guerra sen pensión e resultou un escritor serodiamente recoñecido. Non era un personaxe politicamente correcto e, aínda que ás veces se pregou aos poderosos -entre eles ao Conde de Lemos seu mecenas- para sobrevivir nunha España onde a crítica aberta podía carrexar tesos quebrantos, demostrou unha especial sensibilidade cara os marxinados: pobres, pícaros, soldados, bandoleiros, xitanos, escravos, mendigos, xitanos, mouriscos, conversos, cativos, galeotes, criados, estudantes e prostitutas. Alcumou á nobreza de parasitaria e fixo unha apoloxía das camadas populares.

Realismo máxico. Realmente Cervantes no Quixote foi o primeiro que utilizou o realismo máxico. Aínda que ollaba de esguello a Idade Dourada, o pragmatismo da súa axitada experiencia vital nunha tesitura que denominaba Idade de Ferro cribou o mesianismo nostálxico, utópico, irrealizable, quixotesco, de proxenie xudaica, cruzándoo con realismo humorístico, retranqueiro, benevolente e pancesco, de estirpe galaica, a medio camiño en Castelao e Cunqueiro, para desenvolver un realismo social, posibilista e reformista, con indicios máxicos.

O adeus ao soño imperial. O mundo en que naceu o Quixote transmitía una sensación de fracaso, de pesimismo, de desengano, tal vez de desespero, malia que aínda non se producira a derrota dos aguerridos Tercios en Rocroi (1643). Mais ese mundo reflicte a mentalidade subseguinte á derrota da Invencible (1588), do tratado de Vervins con Francia (1598), do convenio con Inglaterra (1604) e da tregua con Holanda (1609). Á marxe desa realidade, España prefería seguir soñando, un soño interpretado de xeito sublime e sublimado por Cervantes.

Diversidade cultural. Cervantes apostaba por una diversidade cultural hispana. É verdade que admite un multiforme concepto de patria, que a veces identifica con algunha rexión, cidade e aldea, pero na maioría das ocasións nomea como patria natural a España. Porén, no Quixote tende a representala como un espazo común, fertilizado por un mosaico de identidades diversas, unidas por vínculos históricos, relixiosos e políticos, cuxo cordón umbilical era a figura do monarca. De feito, non tivo ningún reparo en pedir a coexistencia de linguas como a aragonesa ou a catalá (II parte, cap. LIX) e pedía respecto para todas, incluída a «vizcaína», e propugnando o seu uso.

Antifundamentalismo. No Quixote aparece claramente o antifundamentalismo, pois semella nidio que Cervantes inclinábase polo exercicio da razón de estado nun tempo en que existía unha polémica entre os tolerantes tradicionalistas e os fundamentalistas, partidarios do belicismo contra calquera que se atrevese a luxar a relixión ou a patria. Sancho dicíalle ao bacharel Sansón Carrasco: «Tiempos hay de acometer, y tiempos de retirar, y no ha de ser todo Santiago y cierra España» (II parte, cap. IV). E noutra ocasión Don Quixote replicáballe a Sancho: «Las cosas de la guerra, más que otras están sujetas a continua mudanza». Moitos dirixentes do mundo actual, que encetan ou impulsan unha guerra como quen bebe un vaso de auga, non leron o Quixote, aínda que tamén dubido se leron algo de proveito.

Peche e apertura. Atravesa o Quixote unha freba omnipresente: a dialéctica entre o peche a apertura de España. Esta sardónica frase de Sancho, dirixida ao enxeñoso fidalgo manchego, é ben contundente ao respecto: «Yo así lo creo-respondió Sancho- y querría que vuestra merced me dijes qué es la causa porque dicen los españoles cuando quieren dar una batalla, invocando aquel san Diego Matamoros: ?¡Santiago, y cierra España!?. ¿Está por ventura España abierta y de modo que es menester cerrarla, o qué ceremonia es ésta?» (II parte, cap. LVIII).

Xosé Estévez (Quiroga, 1943) é escritor e doutor en Historia pola Universidade de Deusto