Volven as rutas do románico e do Viñobús para a Semana Santa 

La Voz

LEMOS

ROI FERNANDEZ

O consorcio da Ribeira Sacra xa ultimou a súa nova turística 

05 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O consorcio da Ribeira Sacra xa ten preparada a súa oferta de actividades turísticas para a Semana Santa, que ?ao igual que o pasado ano? comprenderán visitas guiadas ás igrexas románicas da zona e percorridos gastronómicos e culturais no denominado Viñobús. 

Polo que respecta ao patrimonio románico, están programados dous percorridos. O primeiro deles será o 25 de marzo e discorrerá polos municipios do Saviñao, Pantón e Sober. O punto de encontro dos participantes ?que deben levar os seus propios vehículos? estará na igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao. O itinerario pasará ademais polas igrexas de Eiré e Proendos e o centro oleiro de Gundivós. Ao día seguinte haberá unha ruta polos municipios de Chantada e Taboada. O punto de encontro estarñá na Casa de Cultura chantadina e o percorrido pasará polas igrexas de Bembibre, Pesqueiras, San Salvador de Asma e Camporramiro. En ambos casos, a partida está marcada para as 10.30 horas e o prezo será de seis euros por persoa. 

Para o día 26, por outra parte, está tamén programa unha actividade de geocaching para nenos. O punto de reunión será na ábrica da Luz, no municipio ourensán de Parada de Sil. A actividade, que comezará ás 16.30 horas, consiste en buscar «tesouros» escondidos pola zona coa axuda dunha aplicación para teléfono móbil. O prezo é de seis euros por neno e para os adultos acompañantes será gratuíto.

Itinerarios enoturísticos 

En canto ao Viñobús, están programadas catro rutas, das cales dúas terán o punto de partida en Monforte e as outras dúas en Ourense. A primera desenvolverase o día 25 e pasará polo mosteiro das Bernardas de Pantón,  unha adega deste mesmo municipio  e outra de Belesar. A segunda ruta desde Monforte será o 26 e comprenderá percorridos por dous tramos do Camiño de Inverno situados en Quiroga e O Saviñao e visitas a senllas adegas nestes dous municipios. 

O primeiro percorrido con base en Ourense será o día 25 e pasará polo Ecomuseo de Arxeriz, o Centro do Viño da Ribeira Sacra e dúas adegas do Saviñao e Sober. O segundo discorrerá polos mosteiros de San Pedro de Rocas e Santa Cristina de Ribas de Sil, o miradoiro dos Balcóns de Madrid e dúas adegas ubicadas na Teixeira e Castro Caldelas. Todos os percorridos comezarán ás dez da mañá e terán un prezo de dez euros, salvo primeiro, que se iniciará ás 16.30 e custará seis euros. Os interesados poden solicitar información e realizar reservas chamando ao teléfono 638 823 592 ou escribindo ao correo electrónico turismo@ribeirasacra.org.