Valiosos testemuños da vestimenta castrexa en Arxeriz

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Dúas vistas diferentes da mesma peza arqueolóxica despois da súa restauración
Dúas vistas diferentes da mesma peza arqueolóxica despois da súa restauración

No xacemento do Saviñao reuniuse unha colección de fíbulas ou prendedores de roupa feitas en bronce

15 feb 2016 . Actualizado a las 22:44 h.

Na sala de arqueoloxía castrexa do Ecomuseo de Arxeriz, no Saviñao, ocupará un lugar destacado unha serie de pezas que foron descubertas nas escavacións que se levan a cabo desde o 2013 no castro situado nos terreos que rodean o centro. Trátase dunha colección de fíbulas -unhas pezas metálicas de pequeno tamaño utilizadas para suxeitar as prendas de vestir- que destacan polo súa calidade e o seu estado de conservación. O primeiro destes obxectos foi desenterrado na campaña arqueolóxica do 2014 e encontrábase entre dous restos de muros. Posteriormente, na campaña do ano pasado apareceron máis fíbulas, ata un total de seis. Estas outras pezas están actualmente en proceso de restauración.

A primeira das pezas que se acharon nas escavacións chamou a atención dos arqueólogos pola súa sofisticada tipoloxía. Trátase dunha fíbula do tipo coñecido como transmontano -a denominación foi tomada da rexión portuguesa de Trás-os-Montes- que conserva praticamente todos os seus elementos. Na campaña do 2015 apareceu outra peza da mesmo tipo xunto con outras dunha feitura máis sinxela. Segundo explica o director do museo, José Antonio Quiroga, o feito de ter descuberto fíbulas transmontanas reviste unha grande importancia para datar con precisión o xacemento «porque estas pezas teñen unha cronoloxía moi específica e son moi útiles para determinar en que épocas foi habitado o castro».

Cronoloxía das pezas

Segundo os especialistas, as fíbulas de tipo transmontano deberon de aparecer a finais do século III ou a principio do século II antes de Cristo. Foron abundantemente fabricadas e utilizadas durante esta última centuria e seguiron usándose ata finais do século I antes da era actual. A partir de aí foron substituídas por fíbulas de tipo romano.

A presenza destes obxectos no xacemento, polo tanto, é un dos principais indicios que fan supoñer aos investigadores que o castro de Arxeriz xa estaba abandonado e deshabitado cando comezou a romanización de Galicia. Ata o momento, nas escavacións non se detectou no castro ningún rastro cultural romano, o que lle dá ao xacemento un carácter moi pouco común.

As fíbulas transmontanas son características dos asentamentos castrexos de Galicia e do norte de Portugal pero, ao contrario do que sucede con outros elementos da cultura material galaica, tiveron unha ampla difusión fóra do noroeste peninsular. Pezas deste tipo foron rexistradas en diversos xacementos da Meseta, desde Soria ata Badaxoz. Os arqueólogos supoñen que isto se debe aos intensos movementos dos grupos étnicos que se produciron durante as guerras que o imperio romano mantivo no século II con diversos pobos indíxenas peninsulares. Polo mesmo motivo é posible encontrar nos xacementos galaicos algunhas pezas ornamentais típicas das culturas coñecidas como celtibéricas.

O estudo destas pezas aínda está actualmente en curso. José Antonio Quiroga sinala que os resultados serán expostos polos arqueólogos que traballan nas escavacións de Arxeriz nunhas xornadas divulgativas que o museo ten previsto organizar nos próximos meses, para as que aínda non se fixou unha data concreta. Para poder ver as fíbulas expostas ao público haberá que esperar máis tempo. «Antes de musealizar os materiais que están aparecendo nas escavacións esperaremos a que se leven a cabo unha ou dúas campañas máis», explica Quiroga.