Un poema dedicado á avoa quiroguesa
Aínda que desde hai tempo era moi difícil localizar exemplares da primeira edición do poemario que Manuel María dedicou ao val de Quiroga, a obra pode ser lida en Internet grazas a unha edición dixital que foi preparada no instituto quirogués. A continuacíón reprodúcese o texto íntegro dun dos sonetos que conforman a obra, dedicado por Manuel María á súa avoa Consuelo Casanova: «A miña avoa Consuelo, A Quiroguesa,/ era leda, risoña e faladora:/ a súa musical verba cantadora / no meu corazón vai, fidel e acesa./ Era verba que non se leva agora,/ cunha raíz anterga e montañesa,/ un murmurio de vento na devesa,/ claridades de río e luz de aurora./ E sentín florecer como a cerdeira/ unha forte, escurísima inquedanza,/ cunha paixón profunda e verdadeira./ É que levaba a Quiroga na lembranza/ como se leva un destino, unha bandeira/ un ensoño que se ama e non se alcanza.»