«Convidáronnos a un intercambio en Italia, pero non podemos ir»

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

González cunha máscara de maragato, un dos personaxes típicos do Entroido Ribeirao.
González cunha máscara de maragato, un dos personaxes típicos do Entroido Ribeirao. roi fernández< / span>

O Entroido Ribeirao de Chantada, que comeza o domingo, é cada vez máis coñecido dentro e fóra de Galicia

22 ene 2016 . Actualizado a las 22:15 h.

Juan Carlos González preside a asociación Amigos do Entroido Ribeirao, radicada na parroquia chantadina de Santiago de Arriba, que este mes cumpriu dezaseis anos de actividade e que actualmente prepara unha nova edición do tradicional festexo. O ciclo carnavalesco chantadino arrancará esta fin de semana co Domingo Lambedoiro.

-O ano pasado organizaron intercambios cos entroidos tradicionais de Ourense. ¿Este ano continúan?

-Si, e de feito esta última fin de semana estivemos desfilando en Viana do Bolo e Vilariño de Conso. Os personaxes típicos destes entroidos tamén virán o domingo a participar na apertura do Entroido Ribeirao.

-¿E fóra de Galicia tamén teñen relacións con outros festexos?

-Temos tantas que non damos feito. Agora mesmo temos peticións pendentes para facer intercambios en Zamora e Cantabria, en maio iremos e Xixón e en agosto a Lisboa. Estes días tamén recibimos unha solicitude para facer un intercambio co carnaval de Tricarico, no sur de Italia, onde teñen unhas máscaras moi parecidas ás nosas. Pero lamentablemente non imos poder acudir a esta cita.

-¿Por que motivo?

-Porque somos unha asociación pequena e non dispoñemos de fondos para un desprazamento como ese. Teríamos que ir catorce ou quince personas, sen contar cos traxes e as máscaras, que son moi aparatosos. Unha viaxe a Italia con tanta xente e tanto material por agora está fóra das nosas posibilidades e non contamos cun apoio económico que nos permita organizar algo así.

-¿Teñen problemas de financiamento?

-Neste momento estamos esperando que a Deputación aprobe os seus orzamentos e que nos concedan a axuda que pedimos para este ano. Se non o conseguimos, teremos que afrontar unha débeda de arredor de 4.000 euros, que é importante para un colectivo modesto como o noso. Tamén recibimos unha subvención do Concello de Chantada, pero normalmente é de en torno a seiscentos euros por ano.

-¿A asociación ten proxectos pendentes de realizar por falta de orzamento?

-A nosa necesidade máis urxente é un local social para crear un pequeno museo sobre o Entroido Ribeirao e para impartir obradoiros de máscaras e traxes tradicionais. Actualmente só contamos co edificio da vella escola da parroquia, que é propiedade do Concello. O inmoble non se encontra en bon estado e o arquitecto municipal xa nos dixo no seu día que o mellor sería derrubalo e construír outro novo. Tíñamos un proxecto que sería cuberto con fondos europeos nun 70% e que contaría tamén co apoio da Xunta e o Concello. Pero ese financiamento desapareceu e de momento o proxecto quedou no tinteiro.

-¿Contan con suficiente xente nova para manter viva a tradición?

-Nese sentido non temos problema ningún, todo o contrario. Na asociación somos unha trintena de persoas as que nos ocupamos de organizar o entroido, pero ademais temos moitos colaboradores, tanto na parroquia como noutras localidades. Temos xente doutras parroquias onde tamén se celebraba este entroido, como Vilaúxe, Nogueira, Líncora... Hai rapaces de vinte e tantos anos, de 15 ou 16 e tamén de 3 ou 4 anos de idade. Cada vez temos máis nenos que queren apuntarse, así que a continuidade está asegurada. Nós estamos encantados de que participe xente doutros lugares, porque esta festa non é propiedade de Santiago de Arriba. É un entroido tradicional que se conservou mellor aquí que noutros sitios, pero é un patrimonio de todos.

-¿Cando esperan obter o título de entroido de interese turístico?

-Aínda non o sabemos, porque non acabamos de reunir a documentación que nos fai falta para acompañar a solicitude, que é un proceso que está sendo moi lento. Pero este ano estamos convidados a participar nun acto que a Xunta organizará en Santiago para divulgar estas festas. Ademais dos oito entroidos que teñen categoría de interese turístico, estamos convidados nós e os que organizan o carnaval de Vilariño de Conso.

PARENTES ITALIANOS

O carnaval de Tricarico celébrase tradicionalmente no municipio do mesmo nome, na rexión italiana de Basilicata. O festexo é protagonizado por uns personaxes enmascarados e engalanados con fitas de cores -na imaxe da dereita- que presentan moita similitude cos vistosos volantes do Entroido Ribeirao chantadino. As figuras típicas deste festexo reciben os nomes de mucca ou vaca -as de traxes multicolores- e toro, que son as que van vestidas de negro con fitas vermellas