Dúas décadas sen Lois Pereiro no ano dedicado a Manuel María

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

<span lang= es-es >Último encontro dos dous poetas</span>. En abril de 1996, Manuel María presentou nun acto celebrado na Casa de Cultura de Monforte Poesía última de amor e enfermidade, o segundo libro de Lois Pereiro e o derradeiro que foi publicado en vida do autor, quen falecería na Coruña a finais do seguinte mes
Último encontro dos dous poetas. En abril de 1996, Manuel María presentou nun acto celebrado na Casa de Cultura de Monforte Poesía última de amor e enfermidade, o segundo libro de Lois Pereiro e o derradeiro que foi publicado en vida do autor, quen falecería na Coruña a finais do seguinte mes

En Monforte coincidirán o próximo maio senllas efemérides relacionadas cos coñecidos poetas

12 ene 2016 . Actualizado a las 22:58 h.

En Monforte coincidirán este ano dúas singulares conmemoracións culturais protagonizadas por coñecidos personaxes que estiveron relacionados entre si. Por unha parte, o Día das Letras Galegas estará dedicado ao poeta Manuel María, que pasou na cidade unha grande parte da súa vida. Só unha semana despois, o 24 de maio, cumprirase o vixésimo aniversario do pasamento do poeta monfortino Lois Pereiro, a quen se dedicaron as celebracións do 17 de maio do 2011. O 3 abril, por outro lado, cumpriranse tamén vinte anos do derradeiro acto público no que participaron os dous escritores, que consistiu precisamente na presentación do segudo libro de Pereiro, Poesía última de amor e enfermidade.

O acto tivo por escenario a Casa de Cultura monfortina e foi organizado conxuntamente polos alumnos e profesores dos institutos de ensino medio do municipio. Durante a presentación, Pereiro explicou a xénese do poemario, o último dos seus libros que apareceu en vida do autor e que fora escrito pouco tempo atrás, ao longo de doce meses. O poeta sinalou que nesta obra está estruturada en tres partes que representan o nacemento, o cénit e a morte, e expresou a súa convicción de que «a dor é a orixe de todas as artes».

Pola súa parte, Manuel María presentou a Lois Pereiro como «un creador sincero» e «un poeta que limpa a palabra co seu sentido transcendente para coñecer a propia intimidade». Afirmou ademais que neste sentido de compenetración estreita entre a vida e a obra a súa poesía pode considerarse como un caso único na lírica galega desde Rosalía de Castro «aínda coa presenza de Antón Tovar e Fiz Vergara». Dixo tamén nesa ocasión Manuel María acerca do poeta monfortino que «a súa poesía sempre permanecerá no misterio» e que as súas composicións «cumpren o dito de Álvaro Cunqueiro: 'Mil anos para un verso son unha mocidade'».

Un programa de homenaxes que quedou interrompido no 2015

Para este ano aínda non se anunciou en Monforte ningúnha iniciativa relacionada co aniversario do falecemento do autor de Náufragos do paradiso. O anterior goberno municipal organizou no 2015 unha serie de actos de homenaxe que se rotularon co nome de Ano Lois Pereiro, aínda que entón non se cumpría ningunha efeméride vinculada ao poeta. O programa abriuse coa dedicatoria da Casa de Cultura, que desde o pasado abril leva o nome do escritor. O Concello tamén editou unha serie de chapas decorativas impresas con frases extraídas da obra de Pereiro e publicou un libro que recolle todas as conferencias que lle dedicaron varios membros da Real Academia Galega nos actos conmemorativos de maio do 2011, así como unha unidade didáctica sobre a súa vida e a súa obra destinada aos centros educativos.

O goberno local manifestou a súa intención de organizar máis iniciativas dedicadas a Pereiro ao longo do ano, pero o programa interrompeuse despois das eleccións municipais e do cambio que se produciu na alcaldía.

Fóra de Monforte, por outro lado, seguen desenvolvéndose diversas iniciativas culturais relacionadas co poeta. Na actualidade está aberto -ata o día 31- o prazo de presentación de traballos para o certame de ilustración e videocreación Siluetas Furtivas, que organizan a asociación Trabalingua e a Universidade de Vigo. Os participantes deben traducir en imaxes as obras literarias de Pereiro.

Amizade e respecto mutuo entre unhas figuras literarias moi diferentes entre si

Aínda que as obras de Lois Pereiro e Manuel María mostran grandes diferenzas entre si e a pesar de que pertencían a xeracións moi distintas, os dous escritores mantiveron unha amizade que influíu dunha maneira notable na formación literaria do primeiro deles. O pintor e escritor monfortino Antón Patiño, amigo persoal de Pereiro e autor de dous traballos ensaísticos sobre a súa vida e obra, sinalou a este respecto -nunha entrevista publicada por este diario no 2011- que para o poeta foi moi importante a presenza en Monforte de Manuel María, «que o axudou a contactar coa tradición literaria galega». Patiño apuntou ademais sobre ambos poetas que «no plano literario son moi desemellantes, as súas obras teñen moi pouco que ver unha coa outra, pero entre os dous sempre houbo moito respecto mutuo».

Neste aspecto, por outro lado, Pereiro non foi un caso excepcional, pois Manuel María foi coñecido por ter animado e aconsellado a diversos escritores galego máis novos.