Un antigo mesón na porta do Camiño de Inverno en Monforte

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Aida Menénez ante o antigo mesón do barrio das Cruces, na entrada do camiño real de Castela.
Aida Menénez ante o antigo mesón do barrio das Cruces, na entrada do camiño real de Castela. roi fernández< / span>

Aida Menéndez, presidenta dos amigos da ruta na Ribeira Sacra, identificou un edificio histórico case descoñecido

27 dic 2015 . Actualizado a las 21:10 h.

O Camiño de Inverno iniciará o 2016 gozando xa da categoría oficial de ruta xacobea, un obxectivo polo que levaba loitando desde a súa fundación a asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra, presidida por Aida Menéndez. Pero o colectivo pensa seguir promovendo a ruta de diversas maneiras durante o ano próximo. Unha delas consiste en difundir a pouco coñecida historia do Camiño de Inverno ao seu paso por Monforte, sobre a que a asociación fixo recentemente notables achados.

Un dos principais rastros físicos que restan hoxe en día da ruta histórica é un antigo mesón do barrio monfortino das Cruces, un edificio que se conserva relativamente en bon estado a pesar de que nunca se lle deu importancia dentro do patrimonio monumental local. A vella hospedaxe encóntrase no lugar en que chega a Monforte -desde a parroquia de Reigada- o antigo camiño real de Castela, cuxo trazado coincide na zona co Camiño de Inverno.

A hospedaxe existiu ao parecer ata principios do século pasado e os seus últimos donos foron a familia Villamora. Aida Menéndez localizou entre os veciños do barrio algunhas persoas de idade avanzada que aínda recordan a súa existencia. A principal informante foi Bernarda Castro López, falecida recentemente con 105 anos. Tamén achegaron informacións Teresa Blanco, Teresa Romanos e Manuel Carnero, todos con 89 anos. «Era unha pousada onde paraban os arrieiros e comerciantes que viñan polo camiño real, porque non hai que esquecer que todas as rutas de peregrinación son tamén rutas comerciais», explica.

Eludir os impostos

Por outro lado, segundo a tradición oral, neste lugar facíanse moitas transaccións entre os comerciantes ambulantes e os veciños. «Un pouco máis adiante xa está a entrada no casco urbano e ao chegar á poboación as mercadorías debían pagar peaxes e taxas -engade Menéndez-, así que moita xente viña comerciar aquí antes de que lles subisen o prezo aos produtos». Non se coñecen datos concretos acerca da época da creación da antiga pousada, pero todo indica que xa existía en 1809, época en que se produciron os ataques das tropas napoleónicas a Monforte. «A tradición conta que a xente do mesón convidou a beber viño aos soldados franceses e que os emborracharon para facerlles perder tempo», conta a presidenta da asociación.

O topónimo As Cruces, por outra parte, pode estar relacionado co feito de que o lugar se encontra no punto de partida e chegada dunha ruta tradicional. Despois de consultar aos veciños e a algúns historiadores, Menéndez cre que o nome tradicional do barrio pode deberse a que «cando a xente saía de viaxe ou chegaba a unha pobación era habitual persignarse e por iso este era un sitio onde a xente estaba sempre a facer as cruces, ou sexa, a santiguarse». Pero a denominación popular -agrega- tamén podería ser «porque a maioría dos viñan en tempos a facer tratos comerciais a este lugar non sabían ler nin escribir e asinaban con cruces os papeis».

O barrio das Cruces é o punto de chegada da etapa do Camiño de Inverno -a cuarta desde Ponferrada- que discurre entre Quiroga e Monforte, un tramo de 35 quilómetros que discorre por San Clodio, Nocedo, Carballo de Lor, Barxa de Lor, Castroncelos, A Pobra do Brollón, Cereixa e Reigada. Aida Menéndez cre que polo seu valor histórico, a sua situación estratéxica e o seu estado de conservación, o edificio do antigo mesón sería idóneo para crear un albergue de peregrinos.

Exactamente enfronte do antigo edificio encóntrase un cartel que indica o nome da rúa. Curiosamente, está dedicada ao sacerdote e escritor compostelán Antonio López Ferreiro -falecido en 1910-, autor dunha monumental obra histórica sobre a Igrexa de Santiago e coñecido como un dos grandes cronistas das tradicións xacobeas.

Unha reivindicación pendente

A asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra manifestou a súa intención de realizar todas as xestións posibles para que o baixo do antigo hotel Comercio de Monforte sexa convertido nun centro de acollida de peregrinos, aínda que a xunta municipal de goberno acaba de desestimar unha petición feita neste sentido polo colectivo. «Imos falar coa delegada territorial da Xunta para ver o que se pode facer», sinala Aida Menéndez