monforte / la voz

A aldea chantadina de Pincelo, pertencente á parroquia de San Vicente da Sariña e situada xusto á beira do Miño, destaca na Ribeira Sacra pola súa espectacularidade paisaxística. Pero tamén posúe unha peculiaridade dun carácter moi diferente. É o fogar de Avelino García, un dos poucos cesteiros tradicionais que quedan en activo no sur lucense e en toda Galicia. O oficio foi en tempos un dos que tiñan máis demanda no mundo rural, sobre todo nas actividades relacionadas cos labores agrícolas e a pesca. O abandono das poboacións rurais e a industrialización dos utensilios fixeron que as vendas dos cesteiros diminuísen e que o antigo oficio desaparecese da maioría dos lugares onde estaba presente. Non é o caso de Avelino García, que con 85 anos cumpridos segue traballando coas vellas técnicas que foron descritas por Xaquín Lorenzo e outros etnógrafos.

O veciño de Pincelo comezou a traballar na cestería en 1964, pero antes desempeñou outros oficios: canteiro, albanel, carpinteiro, ferreiro, agricultor e apicultor. No seu obradoiro fabrica diferentes tipos de cestas e cestos, pero a maioría das pezas que elaborou ao longo da súa vida son os chamados culeiros, utilizados tradicionalmente na Ribeira Sacra para transportar as uvas das viñas ás adegas. «Ademais fago cestas para a recollida das patacas e para levar a roupa, e unhas máis alongadas para colleitar cogumelos», explica. Das súas mans tamén saíron maceteiros e paraugueiros, entre outros elementos.

Madeira de salgueiro

A madeira que utiliza o artesán é case toda de salgueiro, a máis axeitada para a fabricación de cestas por ser máis flexible e por dobregarse mellor que as outras. «Pero tamén teño traballado con madeira de castiñeiro, carballo e abelaira», puntualiza.

O proceso que segue para elaborar unha cesta comeza por ir cortar a leña. Segundo explica, sempre corta unha cantidade que le sirva para facer sete ou oito cestos e procura que ese día a lúa estea en minguante, por considerar que neses períodos a madeira presenta unhas mellores condicións.

Unha vez obtida a leña, quenta o forno do seu obradoiro con toxos ou xestas. «Antes facíase nunha fogata ao aire libre», sinala. Seguidamente coloca as varas de salgueiro sobre o lume ata que comeza a sair a savia ao exterior e rapidamente as retira para que non se queimen. Así en quente xa están listas para abrilas ou fendelas en tiras, que é o que máis traballo dá. Como adoita levar bastante madeira, unha vez fendida en varas ou vergas, a que non vai ser utilizada de inmediato queda almacenada nun recanto do obradoiro. Cando quere empregar esas varas secas para fabricar cestas, previamente ten que deixalas varios días en remollo para que abranden.

Cando a madeira está xa no estado adecuado, o cesteiro procede a desbastalas ou labralas. Para isto utiliza unha escaleira e unha táboa como apoio. Empregando unha ferramenta chamada cuitelo ou paradoira, vai puíndo a superficie das varas igualando o seu grosor polas dúas caras. Despois de todo isto só queda empezar a facer a cesta co entrenzado das varas, o que lle leva case un día completo. «Cando chove e no inverno é cando fago máis cestas, para min é un entretemento», comenta.

Retorno á apicultura

Avelino García dedicouse durante anos á apicultura, pero deixouna nun momento en que lle morreron todos os enxamios. «Deume moita rabia, xa que lle dedicaba moito tempo e mesmo comprara un libro para aprender a coidar das abellas», recorda. «Aprendín a coller os enxamios dos carballos e eu mesmo fabricábame as velas con cera que obtiña das colmeas», di. Houbo un ano que tivo unha grande colleita de mel e chegou a reunir cerca de seiscentos quilos.

Despois de moito tempo sen praticala, este ano comezou de novo coa apicultura, xa que logrou reunir cinco enxamios. «Preparei un reclamo aquí na casa con cera vella e un pouco de mel e foi a mellor maneira de collelos», apunta.

A madeira que usa para facer as cestas é cortada nos días en que a lúa está en minguante

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Pincelo, un reduto da cestería tradicional á beira do Miño