Un repaso exhaustivo ao patrimonio arqueolóxico da comarca chantadina

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

O promontorio de Castro Candaz, emerxido do encoro de Belesar en maio do 2011.
O promontorio de Castro Candaz, emerxido do encoro de Belesar en maio do 2011. roi fernández< / span>

Os xacementos castrexos e romanos do antigo condado de Pallarres centran un amplo estudo recén premiado

11 dic 2015 . Actualizado a las 22:24 h.

Na Casa de Cultura do municipio de Guntín será entregado hoxe -ás 20 horas- o premio de investigación Condado de Pallares, que nesta edición foi concedido a un traballo realizado por Javier Gómez Vila e Mar Neira González, profesores do instituto lucense Nosa Señora dos Ollos Grandes. A obra galardoada títulase A cultura castrexa e galaico-romana no Condado de Pallares e consiste nun extenso estudo sobre o patrimonio arqueolóxico dos tres municipios da comarca chantadina, xunto cos de Portomarín e Guntín de Pallares.

O estudo, segundo explica Javier Gómez, é froito dun traballo de varios anos, durantes os cales os autores visitaron a maioría dos xacementos arqueolóxicos dos mencionados períodos históricos que están rexistrados nestes cinco municipios. «Algúns destes lugares foron moi difíciles de encontrar e outros son hoxe inaccesibles, porque están ocultos pola vexetación», explica o profesor e historiador. Os investigadores tamén examinaron as pezas arqueolóxicas procedentes destes xacementos que están depositadas en museos, principalmente no provincial. O proxecto comprendeu ademais a revisión de toda bibliografía existente sobre este vasto patrimonio.

Un dos eixos principais do traballo de Gómez e Neira, por outro lado, está conformado pola existencia de tres importantes vías romanas que atravesan o territorio do antigo condado de Pallares. Unha delas é a que unía Lugo co campamento romano de Aquis Querquennis, no municipio ourensán de Bande. Outra delas é unha vía transversal que unía os territorios de Monforte e Chantada e que se corresponde co Camiño de Inverno. A importancia desta ruta, segundo os autores, «nunca se viu correspondida polo trato que as fontes documentais lle dispensaron». A terceira vía é a chamada XIX, que pasa por Guntín e coincide en parte co Camiño Primitivo.

Unha web para popularizar os resultados da investigación

A entidades que convocan o premio Condado da Pallares -a asociación Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, os concellos de Chantada, Taboada e Guntín, a Deputación e Abanca- garanten a publicación de todos os estudos premiados. Pero os interesados no traballo de Gómez e Neira -que ocupa cerca de catrocentas páxinas- non terán que esperar ata a publicación do libro para coñecer o seu contido. Nunha iniciativa aínda pouco común nesta clase de estudos, os autores crearon unha páxina de Internet que xa está dispoñible e que se dedica a divulgar os principais aspectos da investigación. A web pode encontrarse no enderezo www.condadodepallares.arqueogalicia.com. «Pareceunos moi importante poñer esta información ao alcance do público e xeral e pensamos que pode ter moito interese para os veciños destes municipios e para os turistas», di Gómez.

A páxina web está dividida en varias seccións que se ocupan respectivamente dos recintos castrexos, os asentamentos romanos, as antigas vías de comunicación e as inscricións da época romana que se conservan neste territorio. Un mapa coa localización de todos os xacementos arqueolóxicos completa os contidos da páxina.

Traballos anteriores

Javier Gómez publicou anteriormente un estudo sobre a epigrafía romana de Lugo e outro sobre as vías romanas existentes na provincia. Mar Neira é especialista en economía e ocupouse principalmente dos aspectos estatísticos e demográficos da investigación

Un territorio con 68 castros e valiosos rastros da romanización

O estudo de Javier Gómez e Mar Neira cataloga un total de 95 castros, dos que 68 están situados nos municipios da comarca chantadina. Entre os de maior interese, segundo indica o historiador, está o de Castromaior, en Portomarín, que está sendo obxecto de escavacións arqueolóxicas desde hai anos. Gómez tamén considera de especial interese o lugar de Castro Candaz, en Chantada, que habitualmente está oculto polas augas do encoro de Belesar. «É seguro que alí debeu haber un asentamento castrexo, aínda que na superficie non puidemos detectar ningún rastro material desa época, porque o terreo foi moi alterado pola viticultura e por unha especie de fortaleza que se construíu na Idade Media», indica Gómez.

Por outra parte, os autores do estudo cren que un lugar de especial interese para realizar escavacións arqueolóxicas é o antigo asentamento romano de Quintá de Agrade, en Chantada. As fontes históricas dan o nome de Aqua Quintina a este lugar, que se encontra nun punto onde se cruzaban as dúas vías romanas que pasaban por este territorio.