En memoria do mítico fundador do santuario de Cadeiras

Francisco Albo
francisco Albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

Unha ruta de sendeirismo revive a historia do Coxo do Bulso, un singular personaxe local

11 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O santuario soberino de Cadeiras, un dos monumentos máis emblemáticos da Ribeira Sacra lucense -construído no século XVIII-, ten detrás de si unha singular historia conservada na tradición oral que aínda non é moi coñecida fóra do municipio a pesar de que constitúe a base dunha ruta de sendeirismo deseñada hai sete anos pola asociación cultural O Colado do Vento. O colectivo organizará o domingo un percorrido por este itinerario -que leva o nome dun personaxe coñecido popularmente como o Coxo de Bulso- para fomentar a súa difusión.

Segundo as tradicións locais recollidas polos membros da referida asociación e divulgadas nas súa web, o Coxo de Bulso -o seu nome verdadeiro descoñécese- foi un veciño desta parroquia que emigrou moi novo a América coa intención de enriquecerse e que antes de marchar prometera aos seus pais: «Heivos de acantazar cos cartos». Despois de moitos anos regresou convertido en rico e cunha perna tolleita, pero os seus pais xa morreran nesa época. O indiano instalouse na súa casa familiar, na aldea de Pipín de Arriba, e mostrábase pouco sociable. Os veciños crían que estaba atormentado polos remorsos a causa de certos crimes que cometera nas Américas. A única persoa que chegou a coñecer esas culpas foi o párroco de Pinol, chamado o Cura Vello, a quen o Coxo de Bulso foi confesarse un día.

Despois da confesión -di por outro lado a tradición oral-, o cura de Pinol convenceu ao indiano para que empregase a súa fortuna na construción do santuario de Cadeiras, no lugar onde xa existía unha ermita dedicada á Virxe que gozaba de moita devoción popular. Para levar a cabo as obras contratouse a un grupo de canteiros da aldea de Vilaméa, situada na parroquia de Bulso, e a unha cuadrilla de talladores portugueses.

O relato conservado na memoria popular di tamén que o Coxo de Bulso e o Cura Vello de Pinol acabaron enemistados por cuestións de diñeiro e que por ese motivo a construcción do santuario quedou sen terminar. Así se explicaría o feito de que o templo, de considerables dimensións, conte hoxe cun só campanario cando todo parece indicar que foi deseñado para ter dúas torres.

Pedras reaproveitadas

Por outra parte, a a tradición di que os veciños de Brosmos recuperaron unha certa cantidade de pedras xa talladas que foran compradas nesta parroquia para utilizar nas obras e que quedaron sen colocar cando se interromperon bruscamente os traballos. Estas pedras serían empregadas para construír a igrexa parroquial de Santa Cruz de Brosmos.