Un novo grupo de petróglifos nos límites de Chantada e Carballedo

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

O conxunto de gravados rupestres é o cuarto que se rexistra na comarca

27 oct 2015 . Actualizado a las 08:21 h.

O patrimonio arqueolóxico do sur lucense acaba de incrementarse co achado dun grupo de petróglifos situado no límite entre os municipios de Chantada e Carballedo. O conxunto foi descuberto por Roi Fernández, fotógrafo de La Voz de Galicia, e é o cuarto que se localiza en toda a comarca chantadina. Os gravados encóntranse nun penedo do monte da Serra, nos lindes entre as parroquias de Pereira e Vilaúxe -pertencentes a Chantada- e Milleirós, en Carballedo.

As insculturas rupestres foron examinadas pola historiadora Begoña González, quen está catalogando os petróglifos que aínda non foron inventariados no sur lucense. Na súa opinión, este novo conxunto de gravados pode considerarse como «de libro» debido á súa situación. «Están nunha elevación que destaca moito no entorno e que forma unha especie de marco entre entre parroquias, que é algo moi característico dos petróglifos», explica.

Os gravados están ocultos en parte polo musgo que medra sobre a rocha, pero percíbese ben que son do tipo coñecido como coviñas ou cazoletas, unhas incisións sinxelas de forma circular, aínda que tamén hai algún en forma de elipse. A súa tipoloxía é moi similar á dos dous primeiros grupos de petróglifos que se catalogaron no municipio de Chantada -e en toda a comarca-, situados respectivamente nas parroquias de Vilaúxe e Pesqueiras. Ao seu xuízo, todos eles poderían encadrarse no período Calcolítico ou Idade do Cobre, entre o terceiro e o segundo milenio antes da era cristiá.

O terceiro grupo de gravados rupestres inventariado na comarca chantadina foi descuberto no 2013 polo veciño Miguel Suárez Blanco no municipio de Carballedo, no límite entre as parroquias de Vilaquinte e Veascós. Estes petróglifos presentan un deseño máis complexo e están formados por círculos concéntricos, a semellanza doutros grupos que hai na veciñas comarcas de Lemos -en Sober e O Saviñao- e A Ulloa. «Na comarca de Chantada non se coñecen aínda outras figuras concéntricas, pero iso non quere dicir que non as haxa», apunta González. «O que pasa é que nesta zona nunca se fixeron búsquedas sistemáticas como se realizaron noutros lugares, pero o máis probable é que acaben aparecendo tamén gravados deste tipo», agrega.

Un patrimonio que foi crecendo rapidamente nos últimos anos

Ata hai algúns anos, os únicos petróglifos que gozaban de certa popularidade en todo o sur da provincia eran os primeiros que se inventariaron no municipio de Sober -principalmente na parroquia de Proendos-, que xa foron descritos por varios investigadores a mediados do século pasado. En épocas moito máis recentes apareceron neste mesmo municipio outros conxuntos de gravados rupestres, grazas principalmente aos membros da asociación cultural O Colado do Vento. Na actualidade coñécese cerca dunha vintena.

No veciño municipio de Pantón rexistrouse en torno a unha ducia de grupos de petróglifos, na súa maioría descubertos nos últimos anos por afeccionados ou veciños. Os primeros foron localizados nos anos corenta polos etnógrafos Lois e Leandro Carré Alvarellos, pero a súa existencia era praticamente descoñecida para os non especialistas.

Outro achado recente rexistrouse no 2014 no Saviñao. Varios petróglifos apareceron na pedra cobertora dun dolmen descoberto no lugar de Leira da Rapada polo arqueólogo monfortino Iván Álvarez Merayo. Neste municipio coñecíase tamén un pequeno grupo de petróglifos de tipo coviña situado no castro de Abuíme.

Por outro lado, no Incio están inventariados seis conxuntos de gravados, o máis coñecido dos cales é o do Agro do Pepe, á beira do encoro de Vilasouto. Na parroquia de Óutara, na Pobra do Brollón, hai un grupo de coviñas e gravados cruciformes.

Pedra das Mentiras

Este conxunto, na parroquia de Vilaúxe, foi o primeiro que se catalogou na zona

A Airoá

Situado na parroquia de Pesqueiras, foi inventariado por Patrimonio no 2009

Monte do Fabeiro

No municipio de Carballedo, descuberto no 2013

Monte da Serra

Grupo recén descuberto entre Chantada e Carballedo