Un documento inédito que atribúe aos xudeos a fundación de Zaquín e Basán

La Voz

LEMOS

18 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O documento orixinal escrito polo cura José de Castro López para a Historia do Carballo de Basán Pequeno contén unha parte inédita que desenvolve unha teoría sobre a orixe dos barrios de Zaquín e de Basán Pequeno. É a seguinte: «E como colofón e complemento da escrita Árbore consideramos de interese histórico consignar o referente ao lugar de emprazamento. Sabido é como desde o Concilio de Elvira no ano 303 até a súa expulsión en 1492 todos os séculos da nosa historia áchanse entretecidos de episodios da inimizade constante en que conviviron os xudeus cos naturais.

A súa estreita unión, a súa sobriedade, a súa laboriosidade, a súa gran habilidade para a artesanía, o seu comercio particularmente cos estranxeiros, a súa usura elevada até o trinta e tres por cen de interese anual, a súa parcial influencia política, a súa dobrez social, os seus escándalos morais, o seu fanatismo, a súa hipocrisía relixiosa e até a imputación de non poucos crimes fíxoos en todo tempo tan ricos como odiosos, polo que, aínda que os reis arrendábanlles os tributos nacionais e víanse precisados a recorrer ao seu capital para realizar as súas empresas (os mesmos Reis Católicos verificárono uns meses antes da súa expulsión para a conquista de Granada), o pobo veunos aborrecendo até o punto de facelos algunhas veces vítimas de masivas matanzas, de pedir pola súa causa a implantación da Inquisición en España e de xestionar a súa separación dos núcleos cristiáns en 1480, segundo a cal se lles obrigou a residir en barrios separados dos cristiáns, e aos conversos a vivir en lugares distintos dos xudeus fieis polo perigo da fe.

Conforme a esta disposición os xudeus de Chantada houberon de retirarse, uns ao noroeste, formando o barrio de Zaquín, pequeno en hebreo; e outros ao norleste, creando o de Basán, fermoso na súa lingua. É posible que a nobre elegancia do Carballo contribuíse a darlle este nome.

¿Por que se lle apelidou Pequeno? Sendo esta palabra correlativa de Grande, supón que se fundou ao mesmo tempo outra mansión co nome de Basán Grande. E efectivamente en lugar case equidistante entre os dous referidos barrios veu existindo unha casa solariega, rodeada dunha considerable extensión de terreo, que se estendía até os lindes de tales barrios, a cal cremos que houbo de ser morada do xefe de ambos os grupos, con exercicio de autoridade sobre os seus usos e costumes, e por esta circunstancia distinguíuselle sen dúbida co nome de Basán Grande.

Conservou preponderancia esta casa de Basán Grande na vila e comarca de Chantada e mantivo unida a todo o seu coto rural até mediados deste século en que comezou a dividirse en partillas».

Un personaxe ben posicionado no réxime

Luis Taboada era irmán de María da Paz Taboada, dona do pazo de Tor en Monforte de Lemos, quen nas súas últimas vontades antes de falecer pediu que lle puxesen unha coroa con follas de carballo. O fillo de Luis, o médico José Luís Taboada García exerceu entre 1956 e 1976 de gobernador vivil en Salamanca, xefe provincial do Movemento, director xeral de Política Interior, inspector xeral de Traballo, conselleiro nacional nas Cortes e presidente do Consello Económico Social Sindical de Galicia, entre outros cargos. Luis Taboada foi o último dono do pazo de Cartelos, que hoxe pertence a un padroado. Na fotografía, Luis Taboada entre as autoridades na procesión das festas de agosto de 1969. Xunto a el está o alcalde daquela, José Regal. foto arquivo alfredo pardo