«O Courel é unha zona privilexiada en canto á investigación científica»

Francisco Albo
francisco albo QUIROGA / LA VOZ

LEMOS

Manuel Rodríguez Guitián dirixirá un curso universitario de verán en Seoane

17 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Antonio Rodríguez Guitián, profesor de produción vexetal na Escola Politécnica Superior de Lugo, é o director do curso de verán que organizará a Universidad de Santiago na Estación Científica do Courel entre os días 27 e 30. As xornadas centraranse na investigación, a divulgación e a aproveitamento social do patrimonio natural e histórico da serra.

-¿Cal é o principal obxectivo deste curso?

-O programa divídese en dúas partes. Por un lado haberá unha serie de relatorios nos que se abordarán as investigacións realizadas en tempos recentes sobre os valores naturais e humanos da Serra do Courel e revisaranse as últimas novidades nestes campos. Por outra parte, falarase sobre como aproveitar este patrimonio e este traballo científico para impulsar o desenvolvemento socieconómico da zona.

-En xeral, ¿a que nivel está hoxe o estudo científico sobre o patrimonio da serra?

-O Courel é unha zona privilexiada en canto á investigación científica. Especialmente nos últimos trinta anos realizáronse estudos e descubertas moi importantes en terreos como a botánica, a zooloxía, a paleontoloxía, a xeoloxía, a arqueoloxía, a xeografía humana... Hai moitos equipos de investigación que levan a cabo un labor moi valioso neste territorio, que está considerablemente máis estudado que outras zonas de Galicia. Ao mesmo tempo, O Courel continúa sendo unha área deprimida e cunha dinámica socioeconómica moi difícil. O curso parte da premisa de que as investigacións científicas sobre o patrimonio da serra poden ser útiles para desenvolver iniciativas que fomenten o turismo e as actividades educativas e que axuden a mellorar a economía da zona. Temos un exemplo disto no museo de xeoloxía de Quiroga, que está tendo moito éxito e contribúe a atraer visitantes á zona. No curso debaterase se unha experiencia como esta pode servir de modelo para divulgar e aproveitar outros valores do Courel.

-No curso non só van participar especialistas universitarios.

-Non, ademais de investigadores en diversos eidos contaremos con varias persoas que viven na zona e que desenvolven diferentes actividades relacionadas coa súa dinamización. Haberá unha conferencia sobre a creación e o funcionamiento do museo de Quiroga a cargo do técnico municipal Ramón Vila, que traballa na súa xestión. Outro relatorio tratará sobre as rutas turísticas que organiza a empresa Pía Paxaro e outra intervención será sobre as actividades que promove a asociación cultural Fonte do Milagro para divulgar os valores da zona. Desde os concellos, as empresas e as asociacións impúlsanse experiencias moi interesantes que normalmente quedan á marxe do ámbito académico e é necesario telas en conta.

MANUEL ANTONIO RODRÍGUEZ GUITIÁN biólogo e profesor da usc

«A interpretación da cuberta vexetal pode variar segundo a persoa que a estude»

O director do curso universitario de verán participará nas xornadas cun relatorio sobre os diferentes enfoques que se adoptaron no estudo da vexetación da Serra do Courel.

-¿Cambiou moito ao longo do tempo a maneira de ver a flora da zona?

-Houbo enfoques variados por parte de diferentes investigadores que presentarei na miña conferencia cun pequeno número de exemplos. O caso do Courel é unha proba de que interpretar a cuberta vexetal dun territorio é algo moito máis complexo do que parece a primeira vista.

-¿En que consisten esas diferenzas?

-A interpretación da cuberta vexetal dunha zona, aínda que siga un criterio científico, pode variar segundo o investigador que fai o estudo e o seu contexto persoal. Temos o caso de Francisco Bellot, que foi catedrático de botánica e publicou traballos sobre a flora do Courel nos anos cincuenta. Era de fóra de Galicia e nótase que as súas interpretacións está condicionadas por ese feito. Alguén que procede da Meseta ou de Almería, por exemplo, non percibe a vexetación da mesma maneira que os que residen aquí. Outros estudios realizados máis tarde por xente que vive en Galicia mostran un enfoque diferente e máis acorde coa complexidade destas formacións vexetais.