Chaman a voluntarios para localizar petróglifos no municipio

La Voz

LEMOS

A asociación O Colado do Vento organizará o día 21 unha xornada de búsqueda

09 jun 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación cultural O Colado do Vento, cumprindo un proxecto que anunciou o pasado marzo, organizará o día 21 unha xornada que terá por obxectivo reunir a un grupo de voluntarios para localizar elementos do patrimonio histórico e arqueolóxico de Sober, a fin de incluílos no catálogo dixital Patrimonio Galego. Desde que se deu a coñecer esta iniciativa, os integrantes do colectivo localizaron un conxunto de petróglifos totalmente descoñecido ata agora e recolleron testemuños orais sobre a existencia doutros gravados rupestres. Este novos petróglifos serán incluídos na xornada de búsqueda.

A presidenta da asociación, Paula Vázquez Verao, sinala que os petróglifos localizados por socios do seu colectivo están no entorno do castro de Cadeiras, na parroquia de Pinol. «Na parte alta do castro xa había varios gravados catalogados, pero estes novos están algo apartados dos outros, nunha zona de ladeira», explica. Tanto uns como outros presentan un deseños circulares sinxelos, do tipo coñecido como cazoletas ou coviñas.

Por outro lado, a asociación tivo coñecemento da existencia doutros gravados non inventariados na parroquia de Santa Cruz de Brosmos. «Estes petróglifos non os vimos aínda, pero temos unha idea de onde poden estar, e os que participen na xornada de búsqueda poden axudar a localizalos», di Paula Vázquez.

Elementos xa catalogados

Por outra parte, os organizadores da convocatoria teñen previsto visitar tamén outros elementos xa inventariados no plan de ordenación municipal de Sober, pero que non foron incluídos no catálogo de Patrimonio Galego. Este inventario é elaborado por voluntarios de toda Galicia e actualmente contén fichas descritivas de cerca de 7.300 elementos espallados polo territorio da comunidade. No municipio de Sober só figuran quince por agora.

A directiva da asociación aínda non terminou de planificar as actividades da xornada -o que se rematará de facer esta semana- e nos próximos días dará a coñecer os horarios e o punto de inicio do percorrido. Entre as fotografías que saquen os participantes escolleranse as que se utilicen para ilustrar as novas fichas que se publiquen no catálogo dixital.

Por outro lado, o colectivo pretende que esta xornada sexa só a primeira dunha serie de actividades similares que non se limitarán ao territorio de Sober. «Pensamos que máis adiante sería interesante convocar xornadas deste tipo noutros municipios da comarca de Lemos e o do Saviñao podería ser un dos primeiros», explica Paula Vázquez. «Realizar desta maneira un inventario exhaustivo de todo o patrimonio da zona é inviable, pero estas actividades poden servir para dalo a coñecer mellor entre a poboación», agrega.