Lois Pereiro para centros de ensino

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

O Concello de Monforte edita unha serie de unidades didácticas sobre o poeta

20 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Dentro da programación do denominado Ano Lois Pereiro, o Concello de Monforte acaba de editar unha publicación sobre o poeta que protagonizou o Día das Letras Galegas do 2011 e que se dirixe principalmente ao ámbito da educación. O libro, titulado Lois Pereiro, foi presentado onte polo alcalde Severino Rodríguez e a concelleira de Cultura Pilar López -quen coordinou a publicación- e imprimiuse cunha tiraxe de douscentos exemplares, que serán distribuídos polos centros educativos de Monforte e as bibliotecas públicas da comarca.

Por unha parte, a publicación recolle os textos de todos os discursos pronunciados o 17 de maio do 2011 na sesión extraordinaria dedicada a Lois Pereiro que a Real Academia Galega celebrou na Casa de Cultura de Monforte. As intervencións correron a cargo dos escritores Manuel Rivas, Darío Xohán Cabana e Margarita Ledo Andión e o filólogo Antón Santamarina, todos eles membros da referida institución.

Diferentes niveis

A segunda parte do libro consiste nunha serie de catro unidades didácticas sobre a vida e a obra literaria de Lois Pereiro, dirixidas respectivamente a alumos de educación infantil, terceiro ciclo de primaria, ESO e bacharelato. Estas unidades foron elaboradas pola profesora María Dolores Cid Cid e, segundo explicou Pilar López, axústanse ao deseño habitual deste tipo de materiais educativos. O seu obxectivo -engadiu a concelleira- é non só divulgar entre o alumnado a biografía e a literatura do poeta monfortino, senón tamén reforzar o coñecemento das características xeográficas e históricas da súa cidade natal e do resto da comarca.

Actividades que unen a lectura coas novas tecnoloxías e o xogo

As unidades didácticas sobre Lois Pereiro propoñen utilizar diversos medios tecnolóxicos -como aulas Abalar e Tic, pizarras dixitais, teléfonos móbiles, cámaras fotográficas e de vídeo- para desenvolver diferentes actividades relacionadas coa figura e a obra literaria do escritor. O programa recomenda non só a lectura dos poemas, xunto con artigos de prensa e diccionarios, senón tamén utilizar os textos literarios como base para realizar vídeopoemas, debuxos e cómics e para organizar xogos participativos. As actividades propostas nestas unidades non se limitan ás aulas, xa que tamén comprende visitas á biblioteca e percorridos por lugares reais de Monforte que frecuentou o poeta.