Roi Maceda, músico de Quempallou: «Con 'Quarteiróns' queremos ensaiar unha nova maneira de achegarnos ao público»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

O grupo comezou a difundir por entregas en Internet os temas que comporán o seu novo disco

17 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Roi Maceda, natural do Incio, é un dos integrantes do grupo Quempallou, formado por músicos deste municipio e das Rías Baixas. A formación, que iniciou a súa traxectoria en 1999, acaba de publicar en varias plataformas dixitais a primeira entrega de Quarteiróns, un singular proxecto musical que pretende ofrecer unha alternativa ao sistema tradicional de edición de discos.

-¿En que consiste «Quarteiróns»?

-É un proxecto que xurdiu da constatación de que as vendas de música en formato disco son cada vez menos frecuentes e de que cada vez hai menos tendas especializadas en discos. Agora é moito máis habitual acceder á música a través de Internet e nós intentamos adaptarnos a esta realidade. En vez de facer esperar aos nosos seguidores durante un ano para dispor do noso novo disco, iremos difundindo progresivamente na Rede os temas que o conformarán. A primeira entrega de Quarteiróns, con tres cortes, xa está dispoñible en iTunes, Spotify, Deezer, Amazon e Google Play. A intención é ir editando novas entregas máis ou menos cada tres meses. Desta maneira, a finais de ano xa estarán distribuídos en Internet todos os contidos do disco, que terá en total doce temas. Cando termine o proceso editaremos a obra completa no formato habitual de CD. Este será o noso quinto disco e o título definitivo aínda non está decidido. Quarteiróns é o nome deste proxecto dixital, pero non ten por que ser tamén o título do disco.

-¿As gravacións que se reunirán finalmente no disco serán as mesmas que os se vaian publicando por entregas na Rede?

-Non, pode haber bastantes cambios nas interpretacións. Iremos vendo como evolucionan estes temas co paso do tempo e en función das actuacións en directo que iremos ofrecendo ao longo do ano. Revisaremos estes temas e temos previsto que o resultado final sexa algo diferente das entregas sucesivas dos Quarteiróns. Con esta fórmula, o noso público poderá apreciar como se vai elaborando o noso novo proxecto a medida que se desenvolve. Durante este tempo tamén queremos manter un contacto continuado cos nosos seguidores nas redes sociais. Queremos aproveitar os novos recursos tecnolóxicos para ensaiar unha nova maneira de achegarnos ao público, dun xeito máis interactivo.

-¿Neste novo proxecto combinarán tamén temas propios e tradicionais?

-É o que facemos sempre e esta vez tamén vai ser así. De feito, na primeira entrega dos Quarteiróns hai dous cortes que están baseados en temas tradicionais. Un deles é A Maturrangaina, un cantar popular recollido na Serra do Courel. O outro chámase Folión e sega e combina a música dun folión de Entroido de Manzaneda e un cantar de sega da Gudiña. O terceiro corte titúlase Fandango da Lagarteira. Na actualidade estamos gravando a segunda entrega, que seguirá a mesma fórmula de mesturar temas compostos por nós mesmos e temas tomados directamente da tradición musical galega.

-¿Cando comezarán os concertos nos que se presenten estes novos temas?

-Esta fin de semana ofreceremos unha actuación en Santiago, pero será unha sesión vermú bastante modesta, con algúns amigos e seguidores. O día 30 participaremos nas festas de San Brais en Vigo, pero o período intenso de actuacións ao vivo será máis adiante, sobre todo durante o verán. Cando finalmente se edite o disco, organizaremos unha xira de presentacións da obra terminada, como facemos habitualmente.

roi maceda músico