Recuperan en YouTube un singular filme gravado en Sober en 1997
14 ene 2015 . Actualizado a las 09:54 h.No canal dixital YouTube foi editado o pasado sábado o documental Alfarería de Gundivós, un traballo realizado en 1997 e dedicado á tradición oleira desta parroquia soberina que ata agora, ao parecer, tivo moi pouca difusión. A asociación cultural O Colado do Vento incluíu na súa web un enlace a este vídeo, pero os membros do colectivo din que descoñecían por completo a súa existencia ata que apareceu en YouTube.
O traballo, que destaca por unha notable calidade técnica e visual, ofrece tamén un singular interese como documento histórico, xa que mostra imaxes de dous dos últimos oleiros de Gundivós que procedían de familias de artesáns. Un deles é Agapito González, que leva moito tempo retirado. O outro é Alonso Díaz, xa falecido. O documental presenta aos artesáns -que aínda estaban activos hai dezaoito anos- en pleno traballo nos seus respectivos obradoiros.
As diferentes secuencias do filme -que ten unha duración de algo máis de dezasete minutos- reconstrúen o proceso tradicional de elaboración das pezas de alfarería de Gundivós. Na primeira parte pode verse como Agapito González modela unha vasilla no típico torno baixo utilizado polos oleiros desta parroquia, montándoa a base de tiras de barro que reciben o nome de cirillotes ou churros.
Cocción no forno
Outras imaxes do documental mostran a Alonso Díaz colocando unha serie de pezas xa modeladas no interior do forno e realizando todo o proceso tradicional de cocción. Na última parte da secuencia de fabricación vese como un xarro xa feito é quentado nunha fogueira para darlle a característica coloración escura e depois revestido con pez no seu interior.
A narración do documental corre a cargo dunha voz en off e a banda sonora non inclúe declaracións ou comentarios dos propios artesáns. Algunhas partes do filme, por outro lado, están dedicadas a explicar a situación de Gundivós e do municipio de Sober no contexto da Ribeira Sacra.
O documental, segundo consta nos créditos, foi dirixido por Antonio Cid e realizado por Beatriz del Monte, sobre un guión de Pablo Quintana. As imaxes foron gravadas en Gundivós en decembro do referido ano. A realización levouse a cabo dentro da chamada iniciativa comunitaria Adapt e do proxecto Senda, apoiado polo Fondo Social Europeo e as consellerías de Cultura e Industria.
Ademais desta produción en YouTube pode encontrarse unha reducida serie de vídeos que mostran o traballo dos oleiros de Sober. Nunha destas gravación, rotulada Cerámica de Gundivós, pode verse como elabora unha vasilla a oleira Obdulia Rodríguez 'Lula', xa retirada na actualidade. Ao igual que Alonso Díaz e Agapito González, esta artesá recibiu os seus coñecementos por tradición familiar.