O Entroido Ribeirao participará nun encontro ibérico de carnavais

Francisco Albo
francisco albo CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

CARLOS CORTÉS

Os típicos personaxes estarán en dous desfiles en Viana do Bolo e Vilariño de Conso en febreiro

11 ene 2015 . Actualizado a las 04:00 h.

As figuras típicas do Entroido Ribeirao de Chantada tomarán parte na primeira edición dun encontro ibérico de carnavais tradicionais que se celebrará en febreiro nos municipios ourensáns de Viana do Bolo e Vilariño de Conso. O festexo, baixo o nome de Mascarada Ibérica, consistirá en dous desfiles que se celebrarán nas referidas localidades, respectivamente o días 17 e 18 do mes próximo.

No caso de Viana do Bolo, o desfile comezará ás seis da tarde na rúa Toural. En Vilariño de Conso, a celebración abrirase ás doce do mediodía no Toural. Nos dous desfiles tomarán parte os personaxes dos volantes, peliqueiros e mecos da asociación Amigos do Entroido Ribeirao da parroquia chantadina de Santiago de Arriba. Esta é a única agrupación lucense que estará presente no encontro.

Nos desfiles tamén tomarán parte varios grupos ourensáns. Por parte de Viana do Bolo intervirán varios folións rurais, un «folión alternativo» e unha agrupacións da localidade de As Carrelas. De Vilariño de Conso estarán presentes as figuras da asociación cultural Xuntos polo Fulión e outro grupo da localidade de Mormentelos.

Outros personaxes tradicionais do Entroido ourensán que estarán nos desfiles serán os Troteiros de Bande, o Vellarón de Riós e os integrantes de folións tradicionais dos municipios de Manzaneda e O Bolo.

De fóra de Galicia

Nos desfiles participarán ademais outras catro agrupacións procedentes de fóra de Galicia. Serán os grupos Los Sidros -de Valdesoto, en Asturias-, Los Jurrus -de Alija del Infantado, en León- e os Caretos de Parada, do municipio portugués de Bragança. A organización do encontro corre a cargo da comisión das festas de Entroido de Viana e a asociación Xuntos polo Fulión, de Vilariño de Conso.

Con esta iniciativa avánzase máis na difusión do Entroido Ribeirao de Chantada, que nos últimos tempos está sendo cada vez máis coñecido fóra da comarca e do sur lucense. Un importante impulso foi a participación dos Amigos do Entroido Ribeirao nos concertos de presentación do disco Galiza, do acordeonista vasco Kepa Junkera.