Un calendario para reivindicar o valor do románico da comarca chantadina

monforte / la voz < / span>

LEMOS

Portada do calendario, cunha imaxe da igrexa de San Xoán da Cova
Portada do calendario, cunha imaxe da igrexa de San Xoán da Cova

03 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación cultural O Sorriso de Daniel acaba de editar un calendario para o 2015 dedicado ao patrimonio románico da comarca de Chantada. É a terceira vez que o colectivo publica un calendario con imaxes dos monumentos románicos da Ribeira Sacra. O primeiro -o do 2013- centrouse na zona ourensá e o do ano pasado incluía fotografías de igrexas de Pantón e O Saviñao.

Segundo Carolina Casal, a delegada lucense da asociación, este ano optouse por dedicar novamente ao calendario á Ribeira Sacra para apoiar a candidatura da zona á declaración de Patrimonio da Humanidade. «Aproveitamos tamén a ocasión para reivindicar o románico da comarca chantadina, que ao noso parecer está moito menos divulgado que o doutras zonas da Ribeira Sacra a pesar do grande valor que ten», explicar.

A publicación estará á venda a partir desta fin de semana en diversas librerías e noutros establecementos, como o Centro do Viño da Ribeira Sacra de Monforte. A publicación contén imaxes tomadas pola fotógrafa Soledad Felloza que mostran as igrexas de Bermún, Requeixo, Brigos, Camporramiro, Nogueira, San Salvador do Asma -en Chantada-, Santa María de Búbal, Lousada, Oleiros, San Xoán da Cova e Santa Baia da Aguada, en Carballedo.

Avances na conservación

Por outro lado, o colectivo fixo unha valoración positiva -aínda que bastante matizada- dos avances que se rexistraron ao longo do 2014 na conservación do románico da Ribeira Sacra. Por unha parte, Carolina Casal apunta que durante este período se deron pasos importante como o de continuar o proceso de restauración do conxunto de pinturas murais renacentistas da igrexa chantadina de Santa María de Nogueira. Outra actuación positiva, a xuízo deste colectivo, consistiu en tomar a decisión de restaurar a fachada do antigo pazo episcopal de Diomondi, no municipio do Saviñao. «Acabamos de saber tamén que por fin hai un acordo para abrir ao público as ábsidas románicas do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil», engade. Ata agora non era posible acceder a esta parte do monumento porque a dirección de Paradores e o Concello de Nogueira de Ramuín non chegaran a un acordo cos propietarios dun terreo privado contiguo ao monumento por onde pasa a vía de acceso a esa zona.

Casal pensa por outra parte que estas iniciativas das administracións públicas en favor da conservación e da accesibilidade aos monumentos da zona posiblemente están motivadas pola presentación da candidatura á Unesco. Pero pese a estes avances, a asociación considera que o patrimonio románico da Ribeira Sacra segue padecendo numerosos problemas que están pendentes de resolver. «Segue estando aí o caso do mosteiro de San Paio da Abeleda -no municipio de Castro Caldelas-, que se encontra nun estado ruinoso e que a nosa asociación leva denunciando desde hai moito tempo», sinala. «E continúa habendo igrexas que sofren filtracións de auga e outras deterioracións que habería que reparar», agrega. A isto hai que sumar, segundo os representantes do colectivo cultural, os problemas de acceso que se rexistran nalgúns monumentos, como o do mosteiro chantadino de San Salvador de Asma, onde hai partes baixo dominio privado que non son accesibles aos visitantes. «No que respecta ao patrimonio románico da Ribeira Sacra segue habendo moitas cousas que mellorar, pero este ano foi algo máis positivo que os anteriores», conclúe Casal.