Nove nomes cos que contar os últimos trinta anos de escena local

La Voz

LEMOS

<span lang= es-es >Electrónica</span>. Raúl Almenara e José Manuel Sálamo, experimentando con CMA.
Electrónica. Raúl Almenara e José Manuel Sálamo, experimentando con CMA. arquivo A. P.< / span>

28 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

A mitoloxía creada ao redor do primeiro recital público de Andrés do Barro no Cine Yeca e a posterior produción do cantante ferrolán nun single editado pola Coral Polifónica de Chantada en 1970, abriría as portas da imaxinación dos anos oitenta coas ondas catódicas de La Bola de Cristal e a creación en 1982 da primeira banda de rock and roll da Vila do Asma: Cultosaurus Erectus (1982).

Cultosaurus Erectus. Tomaron prestado no instituto o nome dun disco dos míticos Blue Oyster Cult e executaban versións e composicións propias, chegando a actuar en discotecas como a Yoel e Mogay. Integraban a formación Pedro Sálamo, guitarra e voz; Luis Miguel Merceditas, batería; José Luis Janeiro, guitarra; e José Manuel Sálamo, baixo.

LêCül. Pertencen á anada de 1983. Formación de after-punk con influencias da onda sinistra e herdeiros do equipo de amplificación dos Cultosaurus Erectus. Composición simétrica estudantil onde ensaiaban e tocaban cancións autóctonas con bases rítmicas de ordenadores Amstrad e bidóns nas percusións. Polémica actuación nas festas de Zaquín, onde lles cortaron a corrente eléctrica na segunda canción, realizando o cantante unha espontánea canción a capela que comezaba: «Colecciono miembros de Santos?». En LêCüL -Lucel ao revés- estaban José Manuel Sálamo á voz e guitarra, Baltar coa percusión e voz e Marco Antonio co baixo. Chegaron a actuar tamén no mítico pub NºK de Santiago de Compostela.

RNT. En 1984 os novos trobadores de escarnio e maldizer compoñen satíricas cantigas baixo o nome de RNT. Son uns dos pioneiros do rock bravú. Na constitución orixinal estaban Fernando Otero á voz, Marcos Killo á guitarra e David Vázquez á batería. Memorable a súa actuación na prazuela de Chantada ante a desbandada xeral do público ancián.

PK2. Pensaron chamarse Os Espermatozoides, pero acabaron bautizándose PK2. Nacidos no instituto de Chantada en 1986, versionaban cancións e facían composicións propias. Herdaron os instrumentos e amplificador do grupo LêCül e ensaiaban na casa do bedel. Unha mítica maqueta gravada en radiocasete perdeuse ao pasar de man en man en distintas festas. Eran Carlos Díaz ?guitarra-, Enrique Díaz ?voz-, Killo Sánchez ?guitarra-, David Vázquez ?batería- e Arturo Blanco ?baixo-.

Rastreros. Tras a fusión de La Paja Cubana e RNT, aparecen en 1989 The Rastreros con Heléctrico, voz; Killo, guitarra; Xullo, baixo; e Richi, batería. Dende o clasicismo punk dos seus inicios ao bravú rural con sorna e mala uva, cancións reivindicativas e cheas de humor, contribuíndo a gaita de Óscar a espallar a música rastreira por todo o país. Na súa discografía contan con dous traballos: Perigo! Animais Ceibes (1992) e A piñón fixo, a golpe de pixo (1996).

Os Kulimañas. En 1992 xorden Os Kulimañas con Roberto Faílde, batería; Fran Heavy, guitarra; Rafa Banda, voz, substituído despois por Rafa Viñas; Richi, baixo, e Pablo, segunda guitarra. Gravaron unha maqueta.

CMA. En 1995 unha coincidencia fónica cos pamploneses Koma failles eliminar a letra «o» do seu nome inicial CoMA e deixalo en CMA (Colectivo Musical Autónomo). Fundada por Raúl Almenara, que tocaba os teclados sintetizados Didjeridu, e José Manuel Sálamo á guitarra e ao baixo hiperprocesado, os temas desta formación son unha mestura do experimental e electrónico con instrumentos tradicionais como a zanfona. As distorsións sinfónicas do sintetizador Roland SH 101 rularon por primeira vez no concerto presentación no Bule-Bule Bar de Chantada. As tres maquetas de CMA foron emitidas por Radio 3 de RNE durante seis meses, chegando a compoñer a música da curtametraxe Punto e Final (1999), de Chantada Films. Na actualidade, Sálamo pincha no norte de Lugo e en Portugal co nome de D.J. Jmchan.

Brandiam. Brandiam créase a finais dos noventa coa fusión de músicos que veñen do tradicional e do bravú. Versionean pezas folclóricas e crean outras novas con inspiración lendaria. Os músicos que pasaron por Brandiam foron Óscar Rodríguez Gaitas, gaiteiro dos Rastreros, Tabernícolas...), Míriam Rodríguez (voz, gaita e acordeón), Roberto Novo (zanfona, percusións e voz), Primitivo Lareu (percusións e voz), Marcos Sánchez no baixo (guitarra dos Rastreros), Pablo (guitarra), Roberto Faílde e Jimmy Faílde (baterías), Moncho Failde (gaita e frautas) e Alba (violín). Xa na última etapa, incorporaron a Javi na guitarra e a Marcos nos teclados. Algúns concertos destacados foron en Vimianzo, San Ramón de Moeche, as festas de Chantada, Madrid, Santander e Bilbao. Gravaron en 1999 a maqueta A viaxe de Bran e disolvéronse en 2002.

Liviao de Marrao. Nado nun cortello de Vilaúxe no 2010, o grupo político-musical Liviao de Marrao ofrece o seu primeiro concerto no pub Besto Bravo de Chantada en 2011, recuperando con personalidade propia o espírito do movemento bravú. O 11 de outubro tocan no décimo Castañazo Rock e continúan ofrecendo bolos co seu lirismo oscuro e con retranca, aderezado con ska, punk e ritmos tradicionais galegos. Integran a banda: O García de Outeiro (voz), Gurgo Bein da Lagoa (guitarra), Levices de Monteforte (baixo), Bambino de Vigo (violín), Peito de Camba (batería), Cuervo de Esmoriz (saxo tenor), Luismi da Tolda (trompeta), Chemita de Chantada (saxo alto), Manoliño de Líncora (gaiteiro) e o Panadeiro de Castro.