Un congreso analiza en Monforte o valor patrimonial dos cruceiros

monforte / la voz

LEMOS

16 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O museo do pazo monfortino de Tor acolle esta fin de semana a sexta edición do Congreso Galego de Cruceiros, que se celebra por primeira vez na cidade e por segunda vez na provincia. Durante as dúas xornadas do simposio -onte e hoxe- está previsto presentar cerca dunha vintena de relatorios que abordan diferentes aspectos desta parte do patrimonio histórico e etnográfico.

Por unha parte, os investigadores que participan no congreso expoñen as características e a historia dos cruceiros tradicionais de diversas zonas de Galicia. Cinco conferencias dedícanse ás cruces de pedra da provincia de Lugo -nos municipios de Sober, Monterroso, Castroverde, Vilalba e Ferreira de Valadouro-, que son analizadas respectivamente por Fernando Arribas, Xabier Louzao, Manuel Muñiz, José Manuel Blanco Prado e Mario Saavedra Pérez. Os relatorios incluídos no programa tamén falan dos cruceiros e petos de ánimas de Cenlle e Cartelle -en Ourense-, Rianxo e as localidades pontevedresas de Hío -Cangas do Morrazo-, Crecente, Ponteareas e Tomiño.

Outras rexións

No simposio tamén hai intervencións sobre os cruceiros e as tradicións relixiosas populares de Valladolid, a comarca palentina de Cerrato, a rexión portuguesa do Alentejo e Escocia. O programa previsto para hoxe comprende unha nova serie de relatorios que comeza ás nove e media da mañá. Á unha do mediodía presentaranse as conclusión e seguidamente celebrarase o acto de clausura. O congreso está aberto a todas as persoas interesadas.