«O cruceiro de Castillón é o máis antigo que coñecemos na provincia»

Monforte acolle hoxe un congreso dedicado a esta parcela do patrimonio


monforte / la voz

O historiador lucense Fernando Arribas preside a Asociación de Amigos dos Cruceiros, Cruces de Pedra e Petos de Ánimas, promotora do sexto congreso galego dedicado a esta parcela do patrimonio histórico e etnográfico que se celebra esta fin de semana -a partir das 10.30 horas de hoxe- no pazo monfortino de Tor. Arribas dará unha conferencia sobre os cruceiros da Ribeira Sacra e particularmente os de Sober. O investigador está realizando na actualidade un inventario xeral de todos os cruceiros da provincia.

-¿Que importancia teñen os cruceiros dentro do patrimonio histórico da Ribeira Sacra?

-Teñen unha presenza moi importante. De acordo cos datos que levo recollido ata hoxe, é a segunda zona da provincia cun maior número de cruceiros é só é superada nese aspecto pola Terra Chá. Neste territorio hai exemplares moi notables, como o de San Vicente de Castillón, no municipio de Pantón, que está datado en 1610. Sería polo tanto o máis antigo dos que están datados en toda a provincia. Hai moitos dos que non se sabe en que época foron feitos porque non hai documentación, pero entre os que si a teñen, o de San Vicente de Castillón é o máis vello que coñecemos. Hai que dicir tamén que o estudo deste patrimonio está aínda moi incompleto non só aquí, senón en toda Galicia, e que hai que investigar máis.

-¿Hai algunha zona onde abundan máis que en outras?

-Na Ribeira Sacra, os máis numerosos son os dos municipios de Chantada e Carballedo, onde hai moi bos exemplos. En Sober hai quince e destaca especialmente o de Gundivós, que data do século XVIII.

-¿Fáltalle moito para completar o seu inventario?

-Calculo que aínda me levará cerca de tres anos. Na Ribeira Sacra, só o completei no municipio de Sober e por iso vou falar desa zona no meu relatorio. Dentro deste territorio, comecei a catalogación en Sober de forma circunstancial e por ese motivo o traballo nesa municipio está máis avanzado que nos outros. É importante puntualizar que os cruceiros que estou catalogando son só os que se encontran en espazos públicos. Hai outros que están en terreos privados, pero eses son moito máis difíciles de estudar porque non sempre é posible acceder ás fincas e por iso non os inclúo no inventario.

fernando arribas historiador

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos

«O cruceiro de Castillón é o máis antigo que coñecemos na provincia»