A biblioteca do Saviñao gaña por sexta vez o premio María Moliner de animación á lectura

monforte / la voz

LEMOS

02 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

A biblioteca pública do Saviñao acaba de recibir un dos premios María Moliner de animación á lectura que conceden do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, a Federación Española de Municipios y Provincias e a Fundación Coca-Cola. É a sexta vez que a biblioteca recibe este galardón, que xa lle fora concedido nos anos 2007, 2008, 2010, 2011 e 2012.

Na edición deste ano -a número dezaseis desta convocatoria- foron 21 as bibliotecas galegas que recibiron esta distinción, das cales só dúas se encontran na provincia de Lugo. Xunto coa do Saviñao, foi premiada tamén a biblioteca municipal de Antas de Ulla. Os premios María Moliner concédense aos programas de animación á lectura que as bibliotecas deseñan e desenvolven ao longo dun ano. Os premios son outorgados a centros situados en municipios con menos de 50.000 habitantes e os que os recibiron este ano en toda España son cerca de trescentas. Os premios consisten en lotes de novidades editoriais e inclúen con frecuencia materiais como lectores electrónicos, puntos de lectura, bolsas e camisetas.

Entre as actividades desenvolvidas durante os últimos meses pola biblioteca do Saviñao figura unha semana de actos dedicados á divulgación da cultura xaponesa que se desenvolveu a finais do pasado maio. Esta iniciativa foi admitida pola Embaixada do Xapón no programa oficial de comemoracións do cuarto centenario do establecemento das primeiras relacións diplomáticas entre o Reino de España e o país asiático. O programa comprendeu obradoiros de origami ou papiroflexia xaponesa, sesións bilingües de contacontos en xaponés, galego e castelán, charlas divulgativas e presentacións de libros. No programa participaron centros sociais e culturais, asociacións e bibliotecas de Monforte, Chantada, Pantón e Sober.

Hai arredor dun mes, a Embaixada do Xapón en España enviou á biblioteca do Saviñao unha mensaxe de recoñecemento pola súa colaboración na organización deste amplo programa actividades conmemorativas, que se desenvolveu entre o ano pasado e o presente.