Manolo Martínez: «Con esta directiva conseguimos que o volei non desapareza»

luis conde MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

O adestrador está ilusionado co novo proxecto que acaba de nacer

03 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel lópez martínez director deportivo do cv ribeira sacra

A piques de cumplir trinta anos no mundo do voleibol, Manolo Martínez lidera dende fai unhas semanas o proxecto deportivo do CV Ribeira Sacra Monforte. Mañán as súas xogadoras afrontan o primeiro gran reto da tempada, intentar sorprender ao Emevé e conquistar a copa Galicia, que sería o primeiro título oficial da súa historia. O técnico entende que as lucenses son as favoritas, pero avisa que competirán a tope para levar a copa ás súas vitrinas.

-¿Que sensacións ten de cara a esta copa Galicia?

-As sensacións son boas, pero como xa veño avisando dende hai uns días, o gran favorito é o Emevé, porque lle deu continuidade ao equipo da tempada pasada. Nos ímolo loitar, aínda que somos conscientes de que será difícil.

-¿Están nesta fase final os conxuntos que esperaba?

-Si. A única dúbida que tiña estaba entre Pontevedra e Boiro, porque calquera dos dous podía estar. O Emevé xa dixen que é o favorito, e nós tamén tiñamos que estar. O esperado.

-Ilusione aos afeccionados.

-Nós imos traballar por dar a sorpresa, pero a clave para poder gañar a copa está en que sexamos capaces de facer un partido moi bo. Temos que estar fortes no apartado do saque e mellorar en defensa, que esta última faceta foi na que estivemos máis frouxos na campaña pasada.

-¿Como influirá a baixa de Antía?

-É unha baixa moi importante, pero temos que esquecernos desta cuestión, porque Antía xa non está con nós. Como comentei á hora de analizar as anteriores fases, dende este intre a responsabilidade que bén podía asumir ela no seu día terá que repartirse entre todas as xogadoras da plantilla.

-¿Espera unha boa resposta por parte da afección local?

-Estou convencido que encheremos o pavillón. Hai que ter en conta que é o primeiro prato forte deste novo proxecto que lidera unha nova xunta directiva. Virán familiares e amigos das deportistas e dos rectores do clube. Mañá haberá un gran ambiente no pavillón da Pinguela.

-¿Como afronta vostede esta nova etapa nun clube de recente creación como é o Ribeira Sacra Monforte?

-Esta nova etapa afróntoa moi ilusionado. Coa chegada dunha nova xunta directiva conseguimos que o voleibol non desaparecese en Monforte. Entendo que se non aparecese esta xente posiblemente hoxe estaríamos sen voleibol. A motivación é moi importante, xa que estamos traballando dende a base, que enseguida dará os seus frutos. Mellor dito, os primeiros están aí con presenza de Antía Rodríguez na concentración permanente da federación en Soria. O feito de poder traballar con Verónica Contreras é moi importante, posto que somos dous entrenadores que nos compenetramos ben e nos entendemos á perfección.

-¿Estamos ante un escenario similar o que tivo A Pinguela, que en poucos anos colocou un equipo na élite do volei español?

-É moi cedo para afirmar isto. O proceso está empezando na categoría cadete. De feito esta campaña están vindo antigas xogadoras a adestrar os xoves. Isto é un incentivo máis. De todos os xeitos temos que poñer os pés na terra, e tócanos primeiro consolidar a canteira, e en dous anos podemos pensar na posibilidade de ter un equipo sénior, pero cunha filosofía distinta á dos últimos anos. O principal que se presenta é que non somos cidade universitaria, o que fai que as rapazas ao rematar o bacharelato se vaian de Monforte.

-¿A que se refire?

-Competir nunha categoría sénior con xente da casa, porque facelo con xogadoras foráneas agora memo sería inviable. Ademais, o feito de que sexan deportistas de Monforte é unha motivación extra para que a afección acuda en masa o pavillón da Pinguela a presenciar os partidos dos campionatos galegos.